O Rosal inicia accións "para denunciar o desmantelamento do servizo de Atención Primaria"
· A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal convoca unha concentración para este sábado 3 de xullo (12 h) na Praza do Calvario
Infogauda / O RosalA Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal iniciará esta semana unha serie de accións para denunciar o constante desmantelamento que está a sufrir o servizo de Atención Primaria no municipio. Por este motivo, convoca a todo a veciñanza a participar este sábado 3 de xullo a participar na concentración que se celebrará ás 12.00 horas na Praza do Calvario para poñer de manifesto unha vez máis a situación de precariedade provocada principalmente pola falta de medios persoais e as deficiencias nas instalacións.
Durante a concentración as persoas participantes poderán escoitar o testemuño dunha das médicas do centro de saúde. Ademais a Plataforma recollerá sinaturas para que se tomen medidas ante o progresivo deterioro do servizo que se entregarán nos vindeiros días na delegación da Consellería de Sanidade e na xerencia do SERGAS.
Por outra banda, dende este mesmo xoves a veciñanza que acuda ao centro de saúde poderá ver un cartel no que se irá poñendo cada día información sobre o persoal que está de servizo nesa xornada. "O obxectivo - indican desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal - é poñer de manifesto as carencias continuas deste centro de saúde, no que os rosaleiros e rosaleiras xa non dispoñen de matrona nin pediatra e no que non se substitúe ao persoal sanitario cando está de baixa ou colle vacacións. A Plataforma irá publicando diariamente nas redes sociais todas estas carencias."
Anos de deficiencia
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Rosal lembra que "o servizo de Atención Primaria dos concellos do Baixo Miño leva xa anos nunha situación de precariedade provocada principalmente polas deficiencias nas instalacións e a falta de medios persoais, que no Rosal implica que o persoal sanitario atenda a un número de pacientes que supera as recomendacións dos colexios médicos e da OMS.
A situación agravouse de xeito importante durante a pandemia. A carencia de espazo e de dotación material do Centro de Saúde obrigaron a desprazar á Guarda o servizo de pediatría e a pechar a consulta de San Miguel. Ademais, a implantación da atención telefónica supuxo un afondamento no deterioro do servizo, ademais de poñer ás profesionais do centro nunha situación límite ao enfrontarse a unha multiplicación da carga de traballo e a unha sobrecarga emocional, xa que unha parte da poboación os fai responsables do deterioro do servizo".
Asemade "nunha reunión co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a alcaldesa Ánxela Fernández explicoulle os problemas da atención primaria no Rosal. Neste encontro, aínda que o conselleiro admitiu a existencia de carencias de persoal e expresou a intención de convocar unha praza de médico, non apreciou a necesidade de reforzar o servizo de pediatría nin comprometeu melloras nas instalacións."


Ningún comentario:
Publicar un comentario