1 de xul. de 2021

A GUARDA

“Teatro no Trega”

Con Os QuinquillánsA Guarda evoca a "Viaxe de Exeria ao Castro"

As visitas teatralizadas terán lugar, previa inscrición en centrocultural@aguarda.es, todos os mércores de xullo e agosto 

Haberá dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, con saída dende a explanada da Casa Forestal do Monte Santa Trega  



Infogauda / A Guarda

 Despois do éxito acadado en edicións precedentes, o Concello da Guarda volta a brindar nos meses de xullo e agosto de 2021 “Teatro no Trega”, a cargo da compañía Os Quinquilláns. 

 Nesta edición a actividade realizarase no sector Mergelina  - orientado ao nacente e cunhas fermosas vistas a Camposancos, ao río Miño e a Portugal -, do Castro do Monte Santa Trega, con dous pases, ás 18:30h e ás 20:00h, previa inscrición, dende o luns previo a cada cita, en centrocultural@aguarda.es, indicando nome completo dos asistentes e teléfono (inscrición por grupos de conviventes). 

 "A viaxe de Exeria ao Castro" é unha actividade que traslada aos asistentes á época na cal o poboado castrexo do Monte Santa Trega estaba habitado, cunha representación teatral na cal a nobre e valente Exeria, tras anos viaxando, volve á Gallaecia, súa terra, chea de proxectos, entre os que está a conversión dos habitantes do Castro, supostamente abandonado, nunha vila organizada de acordo aos novos tempos. Mais o Castro garda moitas sorpresas e tesouros que custodia Grovio, o seu último e inesperado habitante. 

 A representación está inspirada na personaxe histórica de Exeria, muller peregrina no século IV. En torno ao ano 380 esta muller procedente dunha familia nobre do Noroeste peninsular -Gallaecia- emprendeu viaxe ata Xerusalén e a súa peregrinación quedou constatada nas cartas que enviaba a amigas e familiares. Na Idade Media estes escritos foron compilados por un monxe da Abadía de Monte Casino no Itinerarium de Egeria. 

 Este Itinerarium - considerado "o relato de viaxes máis antigo no noso país do que se ten noticia" - inclúe detalladas descricións do periplo ata Oriente, na que visitou os  Santos Lugares (Exipto, Palestina, Siria, Mesopotamia, Asia Menor e Constantinopla),... 

 Entre outros sitios, Exeria tamén visitou Seulecia do Tigris, sendo esta unha das primeiras referencias que vincularían ó culto a Santa Trega -moi arraigado en Asia Menor e na parte oriental do Imperio Romano- coa Península Ibérica.

Ningún comentario:

Publicar un comentario