A Feira do Viño do Rosal camiña cara a presencialidade con prudencia e contención
· Será necesaria a inscrición previa para participar en calquera das actividades programadas, limitadas a un aforo de 250 persoas
· Concerto de The Soul Jacket, monólogo de Sergio Pazos, sesións de música experiencia, andainas ou actividades para nenos e nenas, forman parte da programación
A alcaldesa - no centro da imaxe -, acompañada de membros da asociación de adegueiros Cabaqueiros do Rosal, este mediodía, na presentación da XXIV Feira do Viño do Rosal
Foto:_ C.O.R.
Infogauda / O Rosal
A Feira do Viño do Rosal quenta xa motores para un evento organizado “aplicando un criterio de prudencia e adaptándonos á nova realidade, porque cremos que é importante ir dando pequenos pasos cara a esa normalidade que estamos todos e todas desexando”. Así o explicaba a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, que este mércores presentaba a nova imaxe da feira acompañada da asociación de adegueiros Cabaqueiros do Rosal, composta polas 9 adegas con D.O. Rías Baixas - Subzona O Rosal.
A Feira do Viño afrontará así os vindeiros 16, 17 e 18 de xullo a súa XXIV edición con estritos protocolos de prevención e restricións marcadas dende a propia Xunta. Por este motivo, nesta ocasión será necesaria a inscrición previa para participar en calquera das actividades organizadas ao longo dos tres días, que contarán cun aforo limitado a arredor de 250 persoas.
A feira arrancará o venres 16 de xullo co tradicional acto institucional para dar paso ao monólogo de Sergio Pazos. O sábado 17 o público poderá desfrutar dun concerto experiencia no que combinar a música co viño e, xa pola tarde, haberá actividades infantís e de peche da xornada o concerto do grupo The Soul Jacket. O domingo 18 a feira rematará cunha ruta guiada polos muíños do Folón e do Picón “para poñer en valor unha parte importante do patrimonio” e cun concerto lixeiro onde volver revalorizar a emoción do viño mesturando a experiencia enolóxica coa música.
“Queremos que sexa un acto que sirva tamén para resaltar a importancia que ten o viño no Rosal e que somos denominación de orixe. Por iso convidamos a todas as persoas a que participen nesta nova edición con toda a prudencia do mundo, porque volvemos pouco a pouco a unha feira presencial pero priorizando sempre a saúde pública”, recalcaba a rexedora.

Ningún comentario:
Publicar un comentario