7 de abr. de 2021

VIGO

Denuncian que o 90% do persoal do Servizo de Axuda no  Fogar de Vigo está aínda sen vacinar 

A representación da CIG remitiulle escritos ás Consellarías de Sanidade e Política Social pedindo a inmunización deste colectivo prioritario 

Infogauda / Vigo

 A representación da CIG no Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Concello de Vigo denuncia que “o  90% do persoal está aínda sen vacinar, malia que o propio Sergas aseguroulle o contrario a unha  traballadora que se puxo en contacto co departamento autonómico ao tratarse dunha persoa de risco”. Diante disto, a presidenta do comité de empresa e delegada da central sindical remitiulle escritos ás  Consellarías de Sanidade e Política Social para que aclaren a situación e procedan a vacinar a este  colectivo profesional considerado prioritario na estratexia de inmunización. 

 Dende a representación da CIG no SAF vigués sinalan que das máis de 350 traballadoras/es do  servizo, unicamente arredor dun 10% foron vacinadas/os, algunhas/os coas dúas doses pero  outras/as só coa primeira. “Pero cando unha compañeira, que é persoa de risco, chamou por teléfono ao Sergas para interesarse polo proceso dixéronlles que xa estabamos vacinadas, algo que non é  certo”, asegura a delegada da central no servizo. 

 Diante disto, decididiu remitirlle cartas tanto á Consellaría de Sanidade como á de Política Social  para que aclaren o que está a acontecer e procedan a vacinar o persoal que falta. “Temos constancia  de que a maior parte das traballadoras/es dos SAF dos concellos grandes aínda non foron vacinadas, mentres que si o están as das localidades moi pequenas”, indica. 

 Cabe lembrar que este colectivo profesional está encadrado no grupo 3 da estratexia de vacinación, polo que tería que ser inmunizado inmediatamente despois do persoal das residencias de maiores e  do persoal sanitario que traballa en primeira liña contra a covid”, sinalan desde a CIG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario