6 de abr. de 2021

O ROSAL

O Concello traslada ao Conselleiro de Sanidade as necesidades de Atención Primaria do Rosal  

· A alcaldesa, Ánxela Fernández, mantivo unha reunión telemática con Julio García Comesaña para abordar as carencias sanitarias detectadas no municipio  

· Dende o Concello continúase reclamando unha ampliación de persoal sanitario que vaia acompañado de melloras en termos de infraestruturas e equipamento

  

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, na reunión telemática co Conselleiro de Sanidade, da Xunta de Galicia - Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, mantivo unha reunión telemática co Conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Julio García Comesaña, para abordar as necesidades de Atención Primaria do municipio. Un encontro que transcorreu nun ambiente de cordialidade e que responde á petición reiterada feita dende o Concello e a  Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal, constituída por corporación municipal, asociacións e persoal sanitario, para frear o deterioro progresivo da atención sanitaria, agravado “pola actual situación epidemiolóxica, porque a pandemia da COVID 19 evidenciou claramente a necesidade de tomar medidas para mellorar a sanidade pública”. 

 Durante o encontro, a alcaldesa afondou “necesidade de axeitar os rateos do persoal sanitario por Tarxetas Sanitarias individuais aos recomendados pola Organización Mundial da Saúde”, xa que na actualidade no Rosal “persoal médico e de enfermería teñen ao seu cargo un número de pacientes que excede tanto as recomendacións como os máximo admisibles”. Unha situación que “se ve agravada ante a decisión do Sergas de non substituír ao persoal que se atopa de baixa ou de vacacións”.  

 Para Concello e Plataforma, este incremento no persoal sanitario deberá ir acompañado de melloras en infraestruturas e espazo para dar resposta ás necesidades básicas sanitarias, algunhas tan esenciais como ter lugares de traballo tan pequenos que non dispoñen de lavabo no que lavar mans ou obxectos, algo imprescindible na actual situación epidemiolóxica”. Tamén reclámase unha mellora nos equipamentos, que nestes intres “a falta de espazo e sobre todo de persoal fan inviables” e a climatización do  centro de saúde, “cunha luminosidade marabillosa pero cun deseño en invernadoiro que fai que no verán se rexistren ata os 33,5 graos na sala de espera e na zona de admisión e que se rocen os 30 nas consultas”. Pola súa banda, o Conselleiro de Sanidade trasladou á alcaldesa a posta en marcha dun Plan Galego de Infraestruturas de Atención Primaria a través do que se tomarán medidas para paliar algúns dos problemas aos que se enfronta O Rosal, como a mellora da climatización do centro de saúde, e a idea inicial de reforzar o persoal sanitario do municipio coa creación dunha praza máis a finais de ano.  

 A alcaldesa tamén trasladou ao Conselleiro a súa “preocupación pola situación do PAC de Urxencias de A Guarda, que nalgúns momentos conta con tan só un médico para atendelo, e polas medidas transitorias tomadas pola situación de pandemia, como son o peche do centro de saúde de San Miguel de Tabagón co argumento de evitar contaxios por acumulación de público e o traslado de pediatría a A Guarda”.   

 “O Concello está a disposición da Consellería de Sanidade para traballar de forma institucional en todo o preciso para mellorar a situación sanitaria no Rosal, afirmou a alcaldesa do Rosal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario