A Xunta de Galicia apoia aos concellos de Vilagarcía, A Illa, Lalín, Vila de Cruces, Caldas, Tomiño e Ponteareas para impulsar dez proxectos de enerxías renovables cun investimento de 158.000€
Trátase de seis instalacións de enerxía térmica con biomasa e catro de aproveitamento solar fotovoltaico en equipamentos públicos de carácter social, cultural, educativo, deportivo, institucional e comercial
A delegada territorial na xuntanza telemática celebrada no día de hoxe - Foto: X.G.
A delegada territorial, Luisa Piñeiro, destaca a importancia destas actuacións “para promover o aforro e reducir os consumos de enerxía ao tempo que se incrementa a eficiencia destes sistemas e se reducen os niveis de contaminación”
Infogauda / Pontevedra
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, sinalou esta mañá que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoia aos concellos de Vilagarcía, A Illa de Arousa, Lalín, Vila de Cruces, Caldas de Reis, Tomiño e Ponteareas impulsando dez proxectos de enerxías renovables e eficiencia enerxética cun investimento global de 158.248€.
A representante autonómica informou da aprobación destas iniciativas, que serán cofinanciadas polo Goberno galego cunha achega media do 80%, nunha reunión telemática celebrada esta mañá con representantes destes sete municipios da área territorial. Os proxectos aprobados consisten en seis actuacións de produción enerxética a partir de estufas ou caldeiras de biomasa e outros catro de aproveitamento solar fotovoltaico para a xeneración de electricidade en equipamentos públicos municipais de carácter social, cultural, educativo, deportivo, institucional e comercial.
Luisa Piñeiro detallou as axudas que recibirán os concellos por parte do Inega e destacou a importancia destes proxectos, “xa que serven para promover o aforro enerxético reducindo en ata o 60% a factura que pagan as administracións por este servizo a través do autoconsumo e tamén para diminuír os niveis de enerxía ao tempo que se incrementa a eficiencia e se reducen os niveis de contaminación e as emisións de dióxido de carbono”.
“A Xunta de Galicia segue co seu labor de apoio aos concellos en todas as áreas e atendendo ás súas necesidades e, loxicamente, unha cuestión de tanta importancia como a eficiencia enerxética, que permite aforrar recursos e dotar aos espazos públicos de maior confortabilidade, está entre as prioridades do Goberno galego”, manifestou a delegada territorial.
En canto aos proxectos aprobados, o Concello de Vilagarcía é o máis beneficiado en termos numéricos coa concesión de tres para a instalación de estufas de aire de biomasa no Centro Cultural Breogán, o Centro Sociocultural de Guilán e a Escola Vilar en Bamio cun investimento total de 18.147€. Tamén na bisbarra do Salnés outorgóuselle un proxecto ao Concello da Illa de Arousa para a instalación de 39 módulos de enerxía solar fotovoltaica na Escola Infantil A Galiña Azul orzamentados en 16.763€.
Na comarca do Deza, están aprobados a instalación dunha calefacción de biomasa por pellets cun silo de 3 toneladas no Auditorio de Vilatuxe, no Concello de Lalín, cun investimento de 29.949€ e unha estufa no local social de Añobre, en Vila de Cruces, cun custe de 2.790€. En Caldas de Reis, a Xunta concedeu financiamento para sufragar unha caldeira de biomasa, complementada cun silo de 6 toneladas e depósito de 1.500 litros, no Campo de Fútbol das Corticeiras, na que se investirán 29.423€.
Finalmente, no Baixo Miño e o Condado haberá dous
proxectos de eficiencia no Concello de Tomiño, que disporá de 32 paneis
solares fotovoltaicos no Multiusos de Goián e na Casa do Concello cun
orzamento de 14.228€, e no Concello de Ponteareas, no que se investirán
46.948€ para a instalación de 105 paneis. Esta infraestrutura, a de
maior calado nesta quenda de axudas na área territorial de Pontevedra,
instalarase na Praza de Abastos, pero tamén xerará enerxía para
autoconsumo na Biblioteca Municipal e o Auditorio, que se atopan no
radio permitido inferior a 500 metros.
Ningún comentario:
Publicar un comentario