Areeiro recomenda manter o nivel de vixilancia ante o desenvolvemento do mildio pese ás boas previsións meteorolóxicas
O centro dependente da Deputación de Pontevedra lanzou un novo aviso fitosanitario no que tamén aconsella a vixilancia do oídio e o control dos cicadelidos
A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que reporta unha situación bastante tranquila do mildio
nas viñas, debido ás condicións ambientais maioritarias destes días,
con ventos secos do norte ou do nordés, unha humidade relativa non
elevada e sen humidade foliar. Non obstante, o centro recomenda manter a
vixilancia, que debe ser máis intensa naquelas viñas onde inóculo está
sendo elevado ó longo da campaña por un control insuficiente da
enfermidade e tamén se volve haber néboas ou tormentas locais.
En canto ó oídio,
Areeiro avisa que en case todas as viñas visitadas coincidiu a presenza
de acios con algúns grans afectados por este fungo, e mesmo dous dos
predios visitados requirirían unha aplicación inmediata. Así, a
vixilancia debe ser aínda intensa e mesmo é preciso renovar as
aplicacións se hai acios afectados, en especial se a variedade é moi
sensible ó patóxeno e hai historial de danos. Deste modo, é fundamental
evitar o exceso de vexetación na contorna das viñas para favorecer a
aireación e facilitar a penetración dos funxicidas.
Ademais, continúan sendo máis numerosas as capturas dos cicadelidos da especie Zygina rhamni que de Empoasca vitis nas viñas. En relación aos ácaros, esta semana o centro observou un maior número de viñas con síntomas de erinose de verán. No que respecta ás avelaíñas do acio,
aínda que polo momento o risco é baixo, na estación observaron algúns
ovos esporadicamente e tamén o primeiro gran de albariño con cambio de
cor debido á alimentación na súa polpa dunha eiruga.
Por outra banda, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro recomenda eliminar e destruír brazos e plantas mortos de cara a evitar alteracións da madeira,
posto que as altas temperaturas provocan que continúen a aparecer
plantas amosando os síntomas característicos destas patoloxías, sobre
todo nos predios nos que hai unha boa incidencia de plantas afectadas
dende hai anos.
No que respecta aos cítricos, Areeiro sinala que se observou a presenza de Psila africana
en todas as comarcas con gromos novos e follas tenras. A recomendación
habitual de retirar estes órganos e a instalación de trampas segue a ser
válida, pero hai que lembrar que no caso de árbores grandes pode ser
conveniente tamén intervir cun insecticida autorizado para o control dos
psílidos. Por último, a Estación Fitopatolóxica de Areeiro informa do
incremento da presenza e do tamaño das eirugas de Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo) nas plantas dos buxos.
No que atinxe ó black-rot e á botrite o centro explica que a incidencia dos síntomas se mantivo estable durante o transcurso da semana.
Ningún comentario:
Publicar un comentario