A Deputación de Pontevedra lanza o Plan Móvese III que revalida o modelo de mobilidade co que a provincia é unha grande referencia en seguridade viaria
O Goberno provincial aprobará este venres o plan que suporá un investimento de 2,5 millóns de euros e a execución de case 500 obras en 54 concellos
Imaxe: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres a terceira edición do Plan Móvese, deseñado un ano máis co modelo de mobilidade integral, sostible e segura, de calmado de tráfico e priorización das persoas por enriba dos vehículos, que desde estes últimos anos sitúa á provincia como unha grande referencia en seguridade viaria. A súa planificación xa está rematada e coa súa aprobación en Xunta de Goberno dáse inicio ao procedemento de contratación dos primeiros lotes de obras.
Móvese III, elaborado coa mesma filosofía dos Plans I e II e profundando nas súas liñas, significará en ano e medio un investimento total nas estradas provinciais de 2,5 millóns de euros, un millón de euros no que queda deste ano e 1,5 millóns en 2021. Elo traducirase na execución de 478 obras que beneficiarán a 54 concellos da provincia, dando así resposta ás necesidades do territorio e colaborando cos municipios na seguridade viaria, na prevención de accidentes e facilitando novos hábitos saudables das persoas que utilizan as estradas provinciais para camiñar ou facer deporte. De feito, cada vez son máis os concellos adheridos a este Plan que suporá, na súa maior parte, a construción de Pasos Peonís Sobreelevados (PPS) e Redutores Físicos de Velocidade dos Vehículos (RFVV), naquelas zonas nas que non é convinte sobreelevar ou en tramos sen pasos peonís pero con escasa visibilidade. Os concellos que se suman este ano son Forcarei, Oia, Vila de Cruces, Campo Lameiro e Vilagarcía de Arousa.
Ademais, para a elaboración do Móvese III, a Deputación de Pontevedra contou cun estudio de campo pormenorizado, que se fixo durante ano e medio, dos case 2.000 pasos peonís situados nos 1.700 quilómetros das 377 estradas provinciais. Atendendo o seu diagnóstico esta terceira edición do Plan, ademais das obras solicitadas polos concellos, tamén incluirá proxectos de seguridade viaria decididos pola propia Deputación, que xorden das necesidades nas estradas detectadas no referido estudio. De feito ata o 48 % das actuacións deste Móvese III serán feitas por criterios técnicos da institución. Este traballo de campo tamén supón que a Deputación de Pontevedra cumpre coa súa Guía de Espazos Públicos e Mobilidade Amable, aprobada en 2018, dando así exemplo de boas prácticas.
O balance dos Plans Móvese para a seguridade viaria e calmado de tráfico nas estradas provinciais é histórico. Supón un investimento da Deputación de Pontevedra de ata 7 millóns de euros nas case 1.500 actuacións planificadas e executadas entre redutores físicos de velocidade e pasos sobreelevados. Móvese consolida así una historia de éxito, imitado por outras administracións, e que forma parte fundamental do modelo de mobilidade segura, que coloca ás persoas no centro da acción, e que ten sido recoñecido como unha grande referencia en seguridade viaria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario