10 de feb. de 2020

TURISMO

O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño quenta motores para este 2020  

O Pazo de Mos acolleu este luns 10 unha reunión de alcaldesas e alcaldes dos 14 municipios que abrangue o xeodestino  

Foto de familia das alcaldesas, alcaldes e representantes dos 14 municipios que abrangue o xeodestino que reuníronse hoxe para comezar a planificar as accións de futuro a realizar ao abeiro dunha marca turística vertebradora e transversal
Foto: X.R. de V. e B.M.

Infogauda / Mos

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño segue a dar pasos para afianzarse como destino turístico. Alcaldesas, alcaldes e representantes dos 14 municipios que abrangue o xeodestino (A Guarda, Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Redondela, Soutomaior, Tomiño e Tui) reuníronse este luns no Pazo de Mos para seguir traballando e comezar a planificar as accións de futuro a realizar ao abeiro dunha marca turística vertebradora e transversal. 

 O encontro contou coa presenza de Nidia Arévalo, alcaldesa do concello anfitrión, Mos, e da concelleira Sara Cebreiro; de Carlos Gómez, alcalde de Baiona; de Juan A. González, rexedor de Nigrán; de Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; de Andrés Iglesias, alcalde de Pazos de Borbén; de Digna Rivas e Daniel Boullosa, alcaldesa e concelleiro, respectivamente, de Redondela; de Agustín Reguera, alcalde de Soutomaior; de Sandra González, alcaldesa de Tomiño; así como do concelleiro do Porriño, David Alonso, e da concelleira de Tui, Ana María Núñez. 

 A reunión serviu para preparar a solicitude de axudas convocadas por Turismo de Galicia para impulsar os xeodestinos e que se conseguirán a través de actuacións que afonden na planificación, creación e consolidación de produtos turísticos no xeodestino, pero tamén para o desenvolvemento de accións relacionadas coas novas tecnoloxías aplicadas ao turismo. Estas axudas tamén terán en conta a comercialización, promoción e difusión de novos produtos turísticos na rexión.  

 Outro dos obxectivos para este ano do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo é darlle continuidade ao seu primeiro produto turístico, ‘Benvido ao primeiro reino medieval de Europa’, un percorrido artellado a través de diferentes etapas ideado para levar ao turista por todo o territorio propoñéndolles experiencias sostibles, singulares, perdurables e diferentes.  

Folla de ruta 

 O Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño conta cunha folla de ruta para os vindeiros 5 anos centrada en 10 liñas de traballo a través das que xerar produtos con nexos comúns e sinerxías entre os municipios integrantes. Xunto co patrimonio, a historia, a cultura, a paisaxe ou os recursos naturais, estas liñas de traballo centraranse noutros elementos singulares do territorio como son a pedra, a fronteira con Portugal, a auga, a práctica deportiva ou as festas, entre outros.

Ningún comentario:

Publicar un comentario