GOGUE E LUIS DAVILA ENCHEN DE HUMOR A PRAZA DO CALVARIO
Tres semanas de humor e retranca no centro da vila rosaleira
A alcaldesa Ánxela Fernández - no centro da imaxe -, con Sara Vicente, Germán Fernández e César Paredes, membros do Grupo Municipal de Goberno do Concello do Rosal; o xornalista Gabino Porto e outros convidados
Foto: C.O.R.
Infogauda / O Rosal
O Concello do Rosal inaugurou onte martes a exposición de viñetas dos humoristas Gogue e Luis Davila ‘Ilustrando’, unha mostra itinerante composta por trece prismas rectangulares cunha selección das mellores viñetas destes dous artistas que poderá verse ata o vindeiro domingo 23 de febreiro.
Deste xeito incorpórase á axenda cultural do concello unha novidosa exposición ao aire libre “capaz de representar a vida cotiá e a realidade que tanto nos caracteriza en chave de humor e de retranca. Son escenas que deixan ver con claridade a idiosincrasia galega e do rural, o que converte o traballo destes humoristas en parte da nosa cultura”, resaltou a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, durante o acto de inauguración, que tamén contou coa presencia dos concelleiros Sara Vicente, Germán Fernández e César Paredes.
Cunha alta dose de humor e actualidade, Dora Desbrosadora, Mucha, Marselino e outras personaxes debuxarán un sorriso ao público que se achegue a desfrutar da exposición, que será un dos centros de atención o día do seu peche o domingo de Entroido.
Ningún comentario:
Publicar un comentario