Este martes ábrense as inscricións para o Desfile de Entroido 2020
• Este ano eliminouse a modalidade de concurso e promóvense axudas á participación para fomentar que se incorporen ao desfile familias, grupos de amigos.
• As inscricións para participar estarán abertas do 11 ao 20 de febreiro, con axudas á participación de mais de 3,000€.
Infogauda / A Guarda
O Concello da Guarda abre este martes día 11 de febreiro o prazo de inscrición para participar no Desfile de Entroido 2020, que terá lugar o martes 25 de febreiro ás 17:30h desde a Praza de San Bernardo, a carón da “Esquina Famosa”, e que percorrerá as rúas Galicia e Rosalía de Castro ata a Alameda da vila.
Este ano, co obxectivo de manter a tradición local a través da participación de tódolos veciños e asociacións da localidade, retirouse a modalidade de concurso, convertendo os premios existentes en axudas á participación, para fomentar que se incorporen ao desfile familias, grupos de amigos, asociacións, comparsas e carrozas, superando en total os 3.000€ en axudas.
As bases de participación se poden consultar na web municipal www.aguarda.es e na sede electrónica http://aguarda.sedelectronica.gal/info.0. sendo preciso cubrir o formulario de participación e a documentación solicitada e formalizar a inscrición entre o martes 11 e o xoves 20 de febreiro, ben no rexistro municipal (en horario de 9:00 a 14:00h, de luns a venres) ou na sede electrónica.
Poderán remitirse inscricións por vía postal, seladas na oficina de Correos sobre o propio impreso de solicitude, de xeito que quede constancia da entrega dentro do prazo establecido. Para garantir este feito, rógase adiantar por correo electrónico a cultura@aguarda.es a copia da solicitude selada na oficina de Correos. Ó igual que o resto de solicitudes, estas inscricións só terán validez se veñen acompañadas da documentación obrigatoria.
A Concellería de Cultura quere animar un ano máis á xente da vila da Guarda, con especial mención ós nosos nenos, a participar no desfile de Entroido, para encher de colorido as nosas rúas nun ambiente festivo e de lecer e recuperar unha das festas con máis tradición do noso municipio.
Ningún comentario:
Publicar un comentario