O convenio estatal de Clínicas Veterinarias é unha “oportunidade perdida” para dignificar un sector altamente precarizado
A CIG non asina o acordo de UGT e CCOO coa patronal que dificulta a suba salarial coa carreira profesional
A federación de Servizos da CIG decidiu non asinar o convenio estatal de Clínicas Veterinarias
Foto: CIG
Infogauda / Galiza
A federación de Servizos da CIG decidiu non asinar o convenio estatal de Clínicas Veterinarias pactado por UGT, CCOO e a patronal CEVE ao entender que é unha “oportunidade perdida” para dignificar un sector altamente precarizado. Por exemplo, tras a modificación do período de vixencia pérdense catro meses de atrasos salariais que se tiñan negociado e coa creación de novas escalas salariais dificúltase a posibilidade de mellorar os soldos mediante a carreira profesional. Ademais, o documento tampouco recolle o complemento de perigosidade por atención de grandes animais ou exóticos e perigosos que propuxera a central.
O responsábel de Organización da CIG-Servizos, Pedro Pérez, considera que a evolución económica positiva que experimentou este sector nas últimas décadas “non se reflicte nos salarios e nas condicións laborais dos traballadores/as”. Sostén que os representantes da CIG na negociación trataron de ser construtivos en todo momento, “pero aínda que se aceptaron algunhas das nosas propostas, houbo outras que non se tiveron en conta e que para nós son demasiado importantes como para poder chegar a un acordo definitivo”.
En concreto, fixo fincapé en que na penúltima xuntanza modificouse a vixencia del convenio colectivo, pasando do 1 de setembro de 2019 até o 31 de decembro de 2022 inicial ao 1 de xaneiro de 2020 até o 31 de decembro de 2022, aplicándose a retroactividade dos atrasos de convenio a 1 de xaneiro de 2020, “polo que se perden catro meses de atrasos que se tiñan negociado, e que se aplicarían nas táboas de 2020 a partir do 1 de setembro de 2019”.
No que ten que ver coas percepcións salariais e extrasalariais, non se tivo en conta a proposta da CIG de introducir un plus de perigosidade pola atención de grandes animais ou exóticos e perigosos. Os asinantes tamén incluíron un artigo sobre o complemento de accidente laboral o mesmo día no que se ratificou o preacordo “que repercute moi negativamente sobre a persoa traballadora, xa que este complemento abonarase a partir dos 30 días de baixa en lugar de dende o primeiro día”.
En canto á dispoñibilidade, Pérez indica que a CIG non pode aceptar esta cuestión, e menos que non se contemple que só debe de considerarse tempo de traballo o correspondente ao traballo, xa que non se ten en conta nin se especifica o tempo de traslado ao centro ou lugar de traballo. Por outra banda, o descanso semanal non debe de ser período de dispoñibilidade, algo que non se garante neste convenio.
No referente á definición e escalas de carreira profesional, na penúltima reunión modifícanse as escalas pasando de 4 cunha permanencia mínima de 5 años -o supoñía un tempo máximo de 20 anos para conseguir a escala máis alta- a 10 escalas cun tempo de permanencia de 3 años, pasando a un máximo de 30 años. Tamén se amplían os tramos das escalas que se pretendan recoñecer, pasando de 17,5 anos a 29,5 años, “polo que os soldos pasan de 4 niveis a 10, coa conseguinte penalización e dificultade para a persoa traballadora de poder conseguir o maior nivel e polo tanto mellor remuneración”.
Repercusión negativa nos salarios
Estes cambios repercuten moi negativamente nos ingresos do persoal, xa que até o de agora as 4 escalas contemplaban percepcións salariais do 10% do soldo anual na 1; do 15% na 2; do 18% na 3 e do 21% na 4. Coas 10 escalas actuais as porcentaxes rebáixanse significativamente nas escalas máis baixas, que serán as máis comúns, e dificúltase o acceso ás máis altas impedindo o seu acceso na vixencia do convenio xa que ninguén cumprirá os criterios estabelecidos no artigo 71, pasando a ser as percepcións salariais do 4,09% do soldo anual na escala 1; do 6,13% na 2; do 8,18% na 3; do 10,22% na 4; do 12,27% na 5; do 14,31% na 6; do 16,36% na 7; do 18,40% na 8; do 20,45% na 9; e do 23,74% na 10.
“Polo tanto, isto rebaixa e penaliza gravemente os salarios, xa que a proposta de 4 tramos incentivaba a posibilidade de incrementar o soldo dunha forma mas axeitada, pero a proposta asinada finalmente dificulta e reduce dunha forma moi importante o incremento salarial pola vía da carreira profesional”.
Tampouco se aceptaron propostas orientadas a facilitar o traballo sindical nun sector moi pouco sindicalizado, como o aumento do crédito horario ou a realización de eleccións sindicais en empresas de catro ou máis traballadores/as “para facilitar a implantación sindical nun sector no que o 80% das empresas son de ámbito familiar e con menos de cinco traballadores/as”.
Finalmente, “quedaron pendentes para negociar na parte final do convenio cuestións relacionadas coas prestacións sociais, rexeitándose propostas presentadas en relación á compensación salarial en casos de enfermidade o accidente; seguro colectivo de accidentes; axudas a fillos/as e cónxuxe con capacidades especiais; e póliza de responsabilidade civil (os veterinarios/as están cubertos/as pola póliza do colexio profesional, pero hai persoas traballadoras afectadas por este convenio que non son veterinarios/as e que no están cubertas”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario