“Medrando en Familia” propón reforzar a alimentación saudable con charlas e obradoiros
As familias poderán aprender sobre o tema asistindo a un encontro e a dous obradoiros. Haberá servizo de gardería, pero é preciso apuntarse
Infogauda / Tomiño
A Concellería de Benestar organiza, a través do seu departamento de Educación Familiar, o encontro “Tres, dous, un…a comer” o luns 25 de novembro, ás 17:30h, no Salón de Plenos do Concello de Tomiño.
A actividade, enmarcada dentro do programa de intervención socio-comunitaria “Medrando en Familia”, está dirixida especialmente a familias con nenos e nenas menores de 6 anos, polo que haberá servizo de gardería (é preciso inscribirse previamente). A charla estará a cargo da nutricionista e farmacéutica, Nuria Iglesias Lomba.
O programa inclúe este semestre a alimentación e os bos hábitos de nutrición infantil, tratando de maneira especial, por un lado, a transición dos líquidos aos sólidos nos casos dos bebés, e por outro, aprendendo trucos para achegarse ás boas prácticas alimenticias, explorando novas propostas culinarias entre fillos/as e nais e pais.
Así, tras o encontro, celebraranse dous obradoiros; un (luns 2 de decembro, 17:30h) para familias con fillos/as de 0 a 24 meses, e outro (luns 9 de decembro á mesma hora), para familias con nenos e nenas de 24 meses en adiante. Ambos no Mercado Municipal.
Medrando en Familia, posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de Tomiño, é un programa de intervención socio-comunitario que busca influír, fundamentalmente, no benestar dos máis cativos e cativas, dando resposta a ese intervalo de poboación que conforma a primeira infancia, e tamén á rede familiar. Varias charlas, encontros e obradoiros marcan esta nova edición do programa, no que se fai especial fincapé na busca dunha alimentación saudable. Unha media de 30 familias asisten ás actividades, de balde, organizadas polo Concello, rexistrándose un total de 700 usuarios e usuarias dos programas do Servizo de Educación Familiar, no que vai de ano.
Segundo explica Cristina Martínez, concelleira de Benestar, “a través de encontros e obradoiros, este programa promove a estimulación nun sentido amplo, a adaptación da intervención ás necesidades da familia e en relación aos menores, propiciando aprendizaxes e cambios significativos na súa contorna”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario