A Guarda mellora a reciclaxe e compostaxe
O concelleiro de Servizos do Concello de A Guarda, Miguel Ángel Español, desprazouse xunto con membros do equipo de recollida municipal de residuos e voluminosos, para manter unha xuntanza co presidente de Sogam, Javier Domínguez
Foto: C.A.G.
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O concelleiro de Servizos do Concello de A Guarda, Miguel Ángel Español Otero, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, reuníronse na sede da empresa pública SOGAMA en Cerceda, onde puideron comprobar o funcionamento da nova planta de recuperación de materiais.
O concelleiro de Servizos do Concello de A Guarda Miguel Ángel Español, desprazouse xunto con membros do equipo de recollida municipal de residuos e voluminosos, para manter unha xuntanza co presidente de Sogama e estreitar a colaboración para avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos.
Segundo Miguel Ángel Español as taxas locais de reciclaxe están sendo boas. O certo é que o Concello de A Guarda aspira a melloralas, toda vez que isto redundará nun maior beneficio ambiental e económico.
Neste sentido, o concelleiro trasladou o éxito e a boa acollida do programa de compostaxe doméstica que se está desenvolvendo no municipio da man de Sogama e no marco do cal posibilitouse que 263 familias xa estean convertendo en abono a fracción orgánica dos refugallos domésticos. Desta forma, conseguen pechar o ciclo de reciclaxe da mesma e evitan o seu depósito nos contedores verdes xenéricos, minimizando gastos.
Trasladou a petición para a subministración dunha nova partida de composteiros a fin de estender as prácticas de autocompostaxe a novas vivendas unifamiliares do municipio que dispoñan de horta ou xardín no que aplicar o compost resultante, prevendo levar a cabo campañas de concienciación social en materia de medio ambiente.
Así mesmo, deu conta das limitacións coas que concellos coma o A Guarda se atopan nos meses de verán para organizar a loxística de recollida e xestión dos residuos, xa que a poboación turística increméntase substancialmente e deben dobrarse esforzos para manter o municipio en boas condicións ambientais e de salubridade.
O obxectivo de Miguel Ángel Español é reforzar o número de contedores de recollida selectiva nas rúas de A Guarda, seguir impulsando a compostaxe doméstica e optimizar a recollida de vidro no ámbito da hostalaría con novos recipientes adaptados.
Trala reunión, Javier Domínguez convidou ao concelleiro e acompañantes a facer un percorrido polas instalacións do complexo medioambiental de Sogama, onde puideron ver, guiados polo xefe de produción da entidade, o itinerario que seguen os residuos, tendo a oportunidade de constatar o bo funcionamento da nova planta de recuperación de materiais contidos no lixo en masa e que permitirá a Sogama incrementar a súa achega á reciclaxe e alcanzar no ano 2020 o vertido técnico 0.
Ningún comentario:
Publicar un comentario