19 de out. de 2019

EDUCACIÓN

A conselleira de Educación participou no acto de entrega dos premios 

Santiago de Compostela acolleu a final da I Olimpíada Científica Xuvenil Española  

Un total de 27 alumnas e alumnos de toda España, 3 deles galegos, disputaron estes días as últimas probas do certame

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou este sábado no Pazo de Fonseca na entrega dos premios da I Olimpíada Científica Xuvenil Española
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, participou este sábado no Pazo de Fonseca na entrega dos premios da I Olimpíada Científica Xuvenil Española, cuxa final se celebrou en Santiago de Compostela desde o pasado día 16. Un total de 27 alumnas e alumnos de toda España, 3 deles galegos (concretamente do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago), disputaron estes días as últimas probas do certame.  

 A titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou o compromiso e madurez das alumnas e alumnos que deciden presentarse a este tipo de certames. “Estando aquí, demostrastes xa moito. Non só un elevado coñecemento científico, senón tamén habilidades dedutivas, pensamento creativo, capacidade para o traballo en equipo e vontade de superación”.  

 Carmen Pomar salientou que “promocionar a vocación científica entre os e as máis novas é prioritario para conseguir unha sociedade máis libre e preparada”. Neste sentido lembrou que en Galicia existe unha seria aposta polo uso da tecnoloxía nas aulas desde Infantil, así como para fomentar as vocacións científicas desde o inicio a través de iniciativas como a introdución da “Robótica en Primaria e, xa en etapas máis avanzadas, os Clubs de Ciencias, a Semana STEM, os Espazos Maker ou el STEMBach, por mencionar só algunhas iniciativas”. Todas estas iniciativas teñen como obxectivo “favorecer unha mentalidade científica, rigorosa, ordenada e crítica, clave para avanzar nunha sociedade máis xusta, participativa e libre”.  

 A conselleira quixo felicitar a todos os participantes “porque o voso esforzo, traballo duro e compromiso merecen o noso recoñecemento”, aos docentes que os acompañaron e ás “persoas, entidades e institucións que con esforzo e implicación fixeron posible a celebración desta primeira Olimpíada Científica Xuvenil Española”.  

 Os premiados desta fase nacional foron o IES Aramo de Asturias en primeiro lugar, en segundo lugar o Colexio Buen Pastor de Sevilla, e en terceiro lugar o Instituto Histórico Bachiller Sabuco de Albacete. Durante estas catro xornadas os participantes na competición puxeron a proba os seus coñecementos de matemáticas, bioloxía, física, química e ciencias da Terra nunha serie de exames que incluíron problemas, cuestións teóricas e probas experimentais.  

 O alumnado e o profesorado acompañante puido tamén gozar de cinco conferencias de divulgación científica impartidas polos catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Gonzalo Álvarez (Xenética), Alberto Bugarín (Ciencia da Computación), Ramón Leis (Química Física), Ángel Carracedo (Medicina Legal) e María José Alonso (Farmacia). Así mesmo tiveron a oportunidade de visitar o Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Museo de Historia Natural (MHN) e o Centro de Investigación en Medicina Molecular (CiMUS).  

 A I Olimpíada Científica Xuvenil Española inspírase na Olimpíada Científica Xuvenil Internacional (IJSO), que aínda non fora implantada en España. Esta competición diferénciase polo seu carácter interdisciplinario e por outorgar moita importancia ao traballo en equipo e ás habilidades dedutivas dos participantes. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario