3 de xul. de 2019

OIA

Obradoiro xuvenil gratuíto arredor da fotografía antiga    

Últimos dias para inscribirse


 Infogauda / Oia

 Últimos días para inscribirse no proxecto xuvenil #oiaensepia, unha iniciativa organizada polo Concello de Oia que, baixo a temática da fotografía antiga; incluirá actividades como un obradoiro creativo, unha recompilación de fotografías antigas e unha excursión para retratar o patrimonio de Oia e documentar os cambios que se van producindo co paso do tempo.  

 O proxecto #oiaensepia desenvolverase de xeito gratuíto e ten como obxectivo fundamental organizar un conxunto de actividades participativas logren captar o interese da mocidade polo seu patrimonio natural e cultural, así como pola memoria histórica local.  

 Deste xeito, preténdese espertar a curiosidade sobre o pasado, promovendo unha reflexión sobre o valor do patrimonio e a necesidade de preservalo para o futuro. Do mesmo xeito, o proxecto quere impulsar a creatividade dos participantes, orientalos no uso responsable das novas tecnoloxías e desenvolver o seu espírito crítico.  

 A actividade vai dirixida á mocidade de entre 14 e 20 anos aínda que, de non cubrirse as prazas, poderán participar persoas mozas doutras idades. As sesións desenvolveranse todos os luns e mércores entre o 8 e o 31 de xullo.  

 O prazo de inscrición está aberto no Concello (teléfono 986 362 125) ata o día 5 de xullo. As prazas son limitadas.

 Esta iniciativa conta coa financiación da Consellería de Política Social, dentro das subvencións para a posta en marcha de iniciativas locais dirixidas á mocidade para 2019.

Ningún comentario:

Publicar un comentario