XIV ENCONTRO DE EMBARCACIÓNS TRADICIONAIS DE GALICIA
Do 11 ao 14 de xullo de 2019, no porto de A Guarda
XORNADA POÉTICA-MUSICAL
Venres día 12 de xullo
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Dentro da programación de actividades do XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que do 11 ao 14 de xullo celebrarase no porto e vila mariñeira de A Guarda, o venres día 12, ás 12:30 horas, no Pavillón do Patrimonio, no Reghiño, terá lugar o acto de presentación do libro RÍO MAR POESÍA.
Nesa publicación, editada pola Asociación O Piueiro, coa colaboración de Culturmar e do Concello de A Guarda, coordinada por Francisco Álvarez Álvarez (Koki) e Antonio Martínez (Cachi) e maquetada por Mª Dolores Estévez, figura, a xeito de limiar, e coma unha merecida homenaxe, un artigo e un poema - adicado ao mestre carpinteiro de ribeira "Minxos" - de Joaquín Cadilla Castro "Balueiro", presidente da Asociación O Piueiro.
Na portada da publicación vai unha fotografía, de 1958, dos mariñeiros "O Pío" e "O Músico", a bordo dunha gamela, no porto de A Guarda.
No libro están representados os poetas galegos: Eliseo Alonso, Mariña Pérez Rei, Xosé María Álvarez Cáccamo, Marga do Val, Ramón Caride, Ana Romaní e Francisco Álvarez Koki.
Asemade tamén están os poetas portugueses: María José Peixoto de Carvalho Areal, Diamantino M. C. Vale Costa, Zinha Carvalho, Aurelino Costa, Adelaide Graça e Benedita Stingl.
E no interior do libro figuran reproducións de obras pictóricas de Emilio Baz Pacheco, Rosabell González Martins, Gemma Marqués Redondo, Antonio Martínez Martínez (Cachi), Ignacio Martínez Rodríguez (Naa), Rosa Portela Moreira, Charo Trigo Vicente, Chuny Vázquez Vicente, Alfonso Vicente Rey e Delia Rodríguez Vilavedra.
FESTIVAL MÚSICO-POÉTICO GALEGO-PORTUGUÉS
Tamén o venres, ás 19:00 horas, no Auditorio ao aire libre San Bieito, haberá un Festival Músico-Poético galego-portugués, no cal a música, o baile e a poesía de ambas as dúas beiras do Miño serán os protagonistas.
Participarán as seguintes agrupacións: Rancho Poveiro, de Póvoa de Varzim; Vento Mareiro e Xamaraina, de A Guarda.
E as poetas Dores Tembrás, de Bergondiño (Bergondo) e Antía Otero, da Estrada, e o poeta Anxo Angueira, de Manselle (Dodro).
ACTUACIÓN DE NADIA VÁZQUEZ TRÍO
A gaiteira Nadia Vázquez Martínez, coa certificación e o agasallo recibido o pasado 28 de abril na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), logo de ser seleccionada, xunto a outros tres músicos, para representar a Galicia na XXXIV edición do Trofeo MacCrimmon do Festival Interceltique de Lorient, que celebrarase o vindeiro día 3 de agosto nesa localidade francesa
Nadia Vázquez Trío, que así se chama a formación que lidera a gaiteira Nadia Vázquez Martínez, de Camposancos (A Guarda), actuará este xoves día 11 de xullo, ás 23:00 horas, no porto de A Guarda.
Será unha magnífica oportunidade para disfrutar coa música tradicional galega que vánnos ofrecer antes da viaxe de Nadia a Francia, onde xunto con outros tres músicos de Teo, As Cruces e Narón, da provincia de A Coruña, participará representando a Galicia no XXXIV Trofeo MacCrimmon, do Festival Interceltique de Lorient, sendo ela á unica representante da provincia de Pontevedra.
E para completar a xornada, o mesmo venres, ás 23:30 horas, no porto de A Guarda, haberá un concerto da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda e María do Ceo.
Unha ocasión óptima para disfrutar coa voz e a persoalidade interpretativa da artista portuense, afincada en Galicia, María do Ceo, acompañada pola xoven banda de música guardesa, dixirida por Víctor Luis Alonso Treinta.
Ningún comentario:
Publicar un comentario