PAC´S EN PÉ DE GUERRA DE VIGO REUNIUSE PARA VALORAR O CMPRIMENTO DAS SÚAS REIVINDICACIÓNS E O NOVO MODELO DE ATENCIÓN PRIMARIA
O Colectivo PAC´s en Pé de Guerra de Vigo mantivo unha xuntanza na mañá de onte, xoves 21 de febreiro, para valorar as votacións ao borrador presentado pola Administración e o novo modelo de Atención Primaria.
As traballadoras/es lamentaron que a administración dea por pechada a negociación. Valorouse, coa participación das persoas máis criticas, a posibilidade de mellora do borrador, chegando a unha contraproposta de consenso apoiada por unanimidade na asemblea celebrada no Colexio Médico de Vigo.
Tamén se abordou a nova situación que se está a dar en toda a Atención Primaria coa mobilización do colectivo de Precarias afectadas polo contrato lixo ofertado polo Sergas, o descontento xeneralizado das traballadoras de Atención Primaria e a falta de concreción nas reivindicacións trasladadas polos xefes de servizo.
Asemade, valorouse de forma moi negativa o documento do Novo Modelo de Atención Primaria. Neste documento moitas das reivindicacións realizadas polo colectivo de PAC´s, como a falta de persoal, non son abordadas de forma directa. Non define como será o traballo das Urxencias Extrahospitalarias nin si se manterá o actual horario de atención. Deixa entrever unha volta ao modelo anterior baseado nunhas Urxencias Extrahospitalarias sen dotación de persoal propio e pivotado sobre a voluntariedade das persoas que desenvolven a súa labor en consulta ordinaria.
Ao colectivo preocúpalle a falta de claridade e a incerteza que hai nestes momentos sobre o seu futuro e que agardan se clarifique nos vindeiros días.
Por último, o colectivo quere denunciar unha vez máis a denegación sistematica dos días por asuntos propios por necesidades asistenciais. Os permisos por asuntos propios do ano pasado poden solicitarse con data tope ató o 31 de marzo; moitos destes foron denegados ao longo do 2018. De especial gravidade é a situación do PAC de Porriño, onde a Xerencia obriga unha vez máis ao equipo que gozaba do seu único fin de semana libre do mes a traballar por falta de persoal, mentres os últimos días continuouse cos descubertos nalgúns servizos como Vigo ou A Guarda; se esta é a situación en febreiro, é seguro que no verán nos vexamos novamente desbordadas/os.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario