ACTIVIDADES DA PLATAFORMA GALEGAS 8M
Tras o éxito da convocatoria do ano pasado en Vigo e a folga de Mulleres do propio oito de marzo, a plataforma Galegas 8M retomou a súa actividade de cara á organización da manifestación feminista unitaria de 2019 e a convocatoria de Folga de mulleres, laboral, de consumo, de coidados e estudantil.
A plataforma leva reuníndose nas vilas de toda Galiza desde o mes de xaneiro, unindo a múltiples colectivos e mulleres individuais, nun traballo conxunto de cara a garantir o éxito da manifestación nacional feminista, que terá lugar o día 3 de marzo en Lugo, así como, da folga de mulleres en todo o país.
En Vigo levamos traballando arreo organizando asembleas, encontros, actos, accións de rúa, elaboración de materiais, puntos de información,.... Nesta última recta antes da convocatoria de folga, o noso traballo incrementarase notablemente, especialmente nos barrios e na nosa presenza na rúa, có fin de difundir e animar a todas as mulleres da nosa comarca a sumarse aos actos de galegas 8m e facer folga o propio 8 de marzo, día no que convocaremos manifestación na nosa cidade pola tarde.
Porque, para nós, é importante que o día 3 de marzo en Lugo, tal e como foi o ano pasado na manifestación de Vigo, haxa unha enorme presenza de mulleres na rúa, baixo o lema “Por todas as mulleres, por todos os dereitos: Revolta feminista”, e có fin de reclamar un mundo diferente, no que o dereito a vivirmos unha vida digna se coloque no centro da axenda política, económica e social, organizamos autobuses para ir xuntas ese mesmo día a Lugo. Os bonos para os buses están a venda nos seguintes lugares:
• Casa das mulleres, Romil, 20
• Local da CIG, Grgorio Espino nº 47
• Local da CUT, Urzáiz, 71
• A cova dos ratos, Romil, 3
• L.S. Faisca, Toledo, 9
• C.S. Fuscalho, Punta Xenete, A Guarda.
• A Casa Colorida, Rosalía de Castro, 16 (Nigrán).
Reclamamos:
• Soberanía sobre os nosos corpos e identidades
• Soberanía sobre os nosos desexos
• Soberanía sobre a Vida que escollemos vivir
• Soberanía alimentaria.
• Soberanía política para o noso país
• Unha sociedade xusta na que os coidados sexan tarefa de todas as persoas e avida sexa o centro da axenda política • Garantir a igualdade de oportunidades e de dereitos nas condicións de traballo e na esfera social.
• O dereito a unha vida sen violencias de ningún tipo.
Aproveitamos para informar que estamos a ter diferentes encontros nas asociacións veciñais da cidade, a vindeira terá lugar este venres 22 de febreiro, un encontro aberto organizado por galegas 8M na asociación veciñal do Calvario ás 17:00. Animando a todas as mulleres do barrio a participar.
Alén desta actividade nos próximos días realizaremos diferentes xuntanzas, obradoiros, actos e repartos de propaganda.
O sábado de mañá estaremos repartindo información sobre Galegas8M e as convocatorias feministas de manifestacións, en Lugo o día 3 e en Vigo o día 8, nos diferentes mercados da cidade.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario