22 de feb. de 2019

LABORAL

A CIG-SERVIZOS CONVOCA PAROS CONTRA OS DESPEDIMENTOS NO GRUPO DÍA TWINS  

 Infogauda / Galiza

 A CIG-Servizos convoca paros de dúas horas no Grupo Dia Twins nas catro provincias galegas o vindeiro xoves 28 de febreiro de 13:0 a 15:00 horas para rexeitar o despedimento de 2100 traballadoras/es no conxunto do Estado español.

 A dirección de DIA comunicoulle a toda a representación sindical do Estado o pasado 8 de febreiro a constitución da comisión representativa dos traballadoras/es para o inicio dun procedemento de despido colectivo. Na documentación presentada só expón que é por motivos económicos e fala de 2.100 despidos. 

 A CIG ten representación na Coruña, en Pontevedra e no almacén de Compostela, cun total de 9 delegadas/os, pero como central máis representativa de Galiza solicitoulle á mesa de negociación poder participar, “negándonos ese dereito por non ter unha maior representación”. No Estado hai un total de 641 delegadas/os, porque están representadas todas as provincias. 

 Ante a negativa da mesa, a CIG púxose en contacto coas centrais sindicais ELA, LAB e OSTA “e sumamos a representación de todas para poder participar na mesa de negociación, recibindo tamén unha negativa por parte de CCOO, UGT e FETICO, que curiosamente utilizaron o mesmo escrito nas súas comunicacións”, denuncian. 

 A central, dende que tivo coñecemento dos plans da empresa, celebrou asembleas nas catro provincias galegas, nas que se acordaron convocar un paro o día 28 de febreiro de 13:00 a 15:00 horas, en todas as tendas e no almacén de Santiago. “Entendemos que algo tan grave non pode quedar sen resposta sindical”, sosteñen.  

Negociacións do convenio 

 Ademais de anunciar o ERE a empresa convocou a apertura das negociacións do convenio propio; “isto non é unha casualidade, xa que o fan para rebaixar condicións no convenio e disfrazar menos despidos; non esquezamos que os seu sindicato amarelo, con maioría no sector, é FETICO, que está ás ordes da patronal do comercio”, sinalan. 

 Ao mesmo tempo, lembran que en 2015 a empresa obtivo uns beneficios de 299 millóns de euros, en 2016 de 174 millóns e en 2017 de 109 millóns. “Na CIG temos claro que a dirección alega perdas económicas por valor de 352 millóns de euros durante o ano 2018, coa única pretensión de sanear a empresa e facer despedimentos a baixo custe”.  

 Neste senso, indican que DIA pagoulle a Ricardo Currás, antigo conselleiro delegado, unha indemnización de 2,1 millóns por deixar a empresa e que mantén soldos desorbitados como o do novo conselleiro elegado, Borja de la Cierva, que superan os 600.000 euros (aos que hai que sumar as variábeis). “Estas cantidades distan moito do soldo dunha caixeira/o”, critican. 

 Polo tanto, amosan o seu total rexeitamento ao despedimento colectivo anunciado pola empresa, cuxo alcance en Galiza aínda se descoñece, xa que en tres anos gañou un total de 582 millóns e que durante 2018 abriu un novo formato de tendas como DIA&GO e as novas tendas SHOP (abertas en gasoliñeiras BP)

 “Somos un sindicato que defende os intereses da clase traballadora e temos claro que imos loitar co apoios de todas/os, por iso convocamos o paro como primeira medida de presión para que retiren o ERE”, rematan.

Ningún comentario:

Publicar un comentario