O Concello traballa nun novo modelo de recollida de lixo
· Fomentando a compostaxe e a sostibilidade económica e ambiental do servizo
Dous operarios traballando nun composteiro comunitario
Foto: C. T.
Infogauda / Tomiño
Aínda que nos últimos anos se reducíu a cantidade de Residuos Sólidos Urbanos, seguen enviándose a SOGAMA 4.400 toneladas ao ano, o que custa ao Concello preto de 650.000 euros.
Tomiño, con máis de 13.700 habitantes na actualidade, ten unha poboación eminentemente rural. A maioría das vivendas habitadas de forma permanente (unhas 5000), son casas unifamiliares con terreos anexos. A metade destas vivendas atópanse espalladas polo territorio sen chegar a crear un núcleo urbano determinado, sendo a densidade de poboación de 128 habitantes por quilómetro cadrado. Os núcleos máis poboados son as parroquias de Tomiño e Goián, reunindo entre ambas o 44% da poboación total do municipio e sendo as únicas que teñen núcleo urbano.
A idade media desta poboación é de 44 anos, menor que a media da provincia e da comunidade.
Por outra banda, tan só un 10% da superficie total do concello (106 Km.2) está construída, sendo o resto do territorio de tipo agro-forestal e de cultivo.
O goberno local comezou anos atrás a implantar un plan de melloras na recollida de lixo co fin de aumentar a taxa de separación en orixe a así ir diminuíndo a “fracción resto” enviada para o seu tratamento a SOGAMA. Esta fracción pasou deste xeito de 4.721 toneladas por ano en 2008 ás 4.369, que significa un gasto de 645.000 euros anuais que SOGAMA cobra ao Concello de Tomiño.
Tomiño conta na actualidade con 864 colectores verdes (RSU), 270 de envases, 100 iglús de vidro, 70 de papel-cartón, 22 de pilas (7 situados en illas de reciclaxe e o resto en centros de ensino, comercios, etc.); 13 colectores de aceite doméstico usado e 9 de roupa e téxtiles. Estas cifras revelan unha desigualdade salientable entre a cantidade de colectores de RSU e os de recollida selectiva; situación que dende o Concello téntase reverter de forma progresiva.
Paralelamente, a Concellería de Medio Ambiente, vén fomentando, a través de diversos medios, a compostaxe doméstica e a comunitaria. Neste último campo, o Concello adheriuse ao Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra no ano 2016, contando na actualidade dous Centros de Compostaxe Comunitaria activos, un no núcleo urbano do Seixo (Tomiño) e outro en Goián. Para ensinar o seu funcionamento, cóntase con mestres composteiros que acompañan ás familias interesadas no proceso de xestión do seu propio lixo (92 familias en Tomiño centro e 86 en Goián, de momento).
No referido á compostaxe doméstica ou individual, hai 153 vivendas anotadas no censo de compostadores en activo, practicándose un seguimento polos fogares, no que se verifica que o proceso se realiza axeitadamente e prestando asesoramento. Na ordenanza municipal sobre o lixo prevese unha bonificación no imposto do lixo para estas familias.
O futuro
Tendo coma base os datos e feitos enumerados até aquí, o Concello prepara nestas semanas un estudo no que propón unha ampla serie de melloras para o futuro, a medio e longo prazo, que prevé presentar á segunda convocatoria do Plan Revitaliza.
As principais medidas que se contemplan no devandito estudo son, segundo explica a concelleira responsable da área, María Xosé Vázquez, un progresivo incremento da compostaxe doméstica e comunitaria, o fomento da reciclaxe selectiva e a diminución da recollida de lixo de orixe orgánica.
Outras das medidas previstas son a creación de zonas de depósito de restos de herba e podas, co fin de diminuír estes residuos dos colectores de RSU; a repartida de máis de 5.000 composteiros individuais nas vivendas dos núcleos considerados dispersos ou con menos habitantes; a instalación de novos centros de compostaxe comunitaria en todo o termo municipal e o fomento de accións de visibilidade e demostracións en comercios, centros educativos, residencias de maiores, etc.
Ningún comentario:
Publicar un comentario