31 de xan. de 2019

PESCA

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, clausurou a xornada final do proxecto Redmar II 

Galicia impulsa a presenza feminina a bordo dos buques a través do proxecto Redmar II  

Este proxecto consolida a rede Redmar, unha ferramenta de formación que axuda a facer visible o emprego feminino a bordo e que analiza as condicións laborais e a seguridade a bordo desde a perspectiva de xénero

Rosa Quintana subliñou que a Xunta leva traballando máis de 25 anos pola profesionalización e o recoñecemento dos dereitos da muller no mar e apelou a seguir traballando para evitar medidas máis eficaces que eviten a discriminación 



Infogauda / Vigo
 
  A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o labor da rede Redmar na promoción da igualdade de xénero a bordo dos buques pesqueiros. Esta iniciativa, que nace no marco do proxecto co mesmo nome realizado por Fundamar e a organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias (OPPC-3), “supuxo formar aos tripulantes en activo sobre a igualdade de xénero e sobre a necesaria habilitación para as tripulacións mixtas”.

 Así o salientou durante a xornada final do proxecto Redmar II, que “dá un pequeno empuxe a esta rede formada por case 20 entidades” e que dá continuidade ao proxecto inicial no que naceu este grupo. Neste sentido, Rosa Quintana explicou que Redmar é “un intercambio de coñecementos e posta en común de experiencias profesionais e vitais, unha ferramenta de formación que axuda a facer visible o emprego feminino a bordo e que analiza as condicións laborais e a seguridade a bordo desde a perspectiva de xénero”.

 Estes cometidos coinciden co traballo que a Xunta leva desenvolvendo desde hai máis de 25 anos a favor da profesionalización e do recoñecemento dos dereitos da muller no mar. Un período no que desde Galicia “fixemos visible o papel das profesionais do mar e aumentamos a conciencia social sobre a importancia da súa contribución ao sector, fomentamos o asociacionismo feminino e o emprego feminino respaldando proxectos como os de Redmar”, expuxo Rosa Quintana.

 Non obstante, incidiu a titular de Mar, “queda moito por facer”. Por iso, “debemos seguir traballando para adoptar medidas máis eficaces que eviten a discriminación e que garantan que a muller poida desfrutar dos mesmos dereitos, prestacións e seguros que o home”. Tamén debemos seguir traballando, engadiu a conselleira, na promoción de accións encamiñadas a recoñecer a cualificación da muller aumentando a súa formación”.

A rede e os proxectos Redmar

 A rede Redmar nace dun proxecto co mesmo nome desenvolvido entre 2011 e 2014 pola Fundación para a Pesca e o Marisqueo (Fundamar) e a Organización de Produtores de Buques Conxeladores de Merlúcidos, Cefalópodos e Especies Varias (OPPC-3) e financiado por fondos estatais e europeos. Neste primeiro proxecto, ademais de formarse a rede, realizouse o embarque dunha muller onde se abordou a problemática da convivencia, estudáronse os espazos a bordo e a habilitación necesaria para tripulacións mixtas e realizáronse cursos de formación a tripulantes en activo sobre igualdade de xénero, boas prácticas medioambientais e seguridade a bordo.

 Tras este proxecto, Fundamar e a OPPC-3 puxeron en marcha o Redmar II, programa para o fomento de experiencias a bordo e mellora do intercambio de boas prácticas en Rede, en materia de igualdade de oportunidades, seguridade a bordo e medio ambiente, co apoio da Fundación Biodiversidad, dentro do Programa Pleamar do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. Deste xeito, no marco de Redmar II realízanse experiencias de embarque de mulleres tituladas en formación marítimo-pesqueira e consolídase a rede Redmar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario