A CIG-Industria pide o apoio político da Xunta á solicitude para establecer coeficientes redutores no naval
A central sindical mantivo este luns unha reunión con responsábeis da Consellaría de Traballo
CIG / Ferrol
A CIG-Industria mantivo un encontro na tarde deste luns coa secretaria xeral de Emprego e a subdirectora xeral de Relacións Laborais da Consellaría de Traballo para informarlles do procedemento que a central sindical ten iniciado para que se establezan coeficientes redutores da idade de xubilación para os traballadores e traballadoras do sector naval.
A reunión coa Consellaría fora solicitada o pasado mes de decembro pola CIG-Industria, no marco da campaña que a Federación ten en marcha co obxectivo de recoller o máximo apoio institucional e nos centros de traballo, mentres o Ministerio de Traballo e Seguridade Social desenvolve o proceso administrativo para o recoñecemento dos coeficientes redutores.
Dende a central sindical pediuse axuda de carácter técnico-administrativo ao Goberno galego para que recolla (naqueles organismos nos que ten presenza como o ISSGA ou a Comisión galega de Seguridade e Saúde) informes de carácter médico, patolóxico, etc., sobre continxencias comúns que afectan ao persoal deste sector e que estarían mal encadradas por estar relacionadas coa actividade laboral no naval.
Xunto a isto, a representación da CIG pediu o apoio e o respaldo político da Xunta á solicitude, para favorecer así unha resolución positiva desta demanda que afectaría tanto ao persoal do sector naval público como privado e das súas industrias auxiliares. "Do mesmo xeito que estes coeficientes xa existen para o mar ou a minaría, dadas as condicións nas que se traballa nestes sectores, entendemos que polas súas características, o naval tamén debe ter unha regulación semellante e favorecerse o acceso á xubilación nunha idade e cunhas condicións dignas", subliñan.
Dende a Consellaría non se trasladou un compromiso explícito neste senso, pero as responsábeis políticas amosaron disposición a manter un contacto fluído coa CIG e a tratar con dilixencia nos organismos onde a Consellaría ten representación a solicitude para recoller os informes de carácter sanitario.
Contactos institucionais e campaña nos centros de traballo
Alén da reunión coa Xunta, a central está a levar adiante unha rolda de contactos institucionais para conseguir o máximo apoio a esta demanda. A raíz destes contactos é que o vindeiro xoves, 24 de xaneiro, se tratará en comisión parlamentar unha iniciativa do BNG sobre esta cuestión. No outro lado, a CIG continúa agardando unha resposta ás peticións de reunión trasladadas tanto ao Ministerio de Traballo e Seguridade Social como ao Delegado do Goberno en Galiza.
Así mesmo, a CIG-Industria iniciou unha campaña nos centros de traballo para explicar a proposta aos empregados e empregadas e recoller pronunciamentos entre os comités de empresa solicitándolle ao Ministerio e á Secretaría de Estado da Seguridade Social que se recoñeza a implantación destes coeficientes redutores.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario