O SECRETARIO DE ESTADO DE COESÃO DE PORTUGAL RECIBE Á AECT RÍO MIÑO
· Uxío Benítez destacou a sintonía mantida co representante portugués, quen asegurou que “se está a traballar no camiño certo”
De esq. a der.: Uxío Benítez, Nelson de Souza e João Fernando Brito Nogueira, esta mañá en Lisboa
Foto: D. PO.
Infogauda / Lisboa
O deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Río Miño, Uxío Benítez, reuniuse esta mañá, en Lisboa, co Secretario de Estado do Desenvolvimento e Coesão de Portugal, Nelson de Souza, para dar a coñecer a nova AECT Río Miño e a ‘Estratexia Río Miño 2030’. Este encontro encádrase dentro da xira de presentación do Agrupamento, que vén de visitar a Comisión Europea e ten previsto tamén reunirse en próximas datas con diferentes estamentos do goberno español.
Segundo informou Uxío Benítez, a comitiva da AECT que se desprazou ata Lisboa, e que estaba integrada polo vice director da entidade, João Fernando Brito Nogueira, e o secretariado técnico desta; tivo a oportunidade de presentar ante o mandatario do goberno luso os traballos que está a desenvolver a AECT Río Miño na actualidade, así como os seus plans de futuro, entre os que está a creación dunha "Inversión Territorial Integrada" (ITI) para o territorio.
Pola súa banda, o Secretario de Estado do Desenvolvimento e Coesão, Nelson de Souza, amosou a súa satisfacción cos proxectos e asegurou que “se está a traballar no camiño certo”. Souza interesouse especialmente pola `Estratexia Río Miño 2030´ que “encaixa perfectamente dentro da estratexia nacional do goberno portugués, que ten por obxectivo apostar polo desenvolvemento territorial dos tramos fronteirizos dos ríos internacionais, tal e como se aprobou na cimeira luso-española de hai dous anos”, que precisamente hoxe celebra a súa edición de 2018 en Valladolid.
Ningún comentario:
Publicar un comentario