3 de out. de 2018

MOAÑA

CULTURA
A Asociación Cultural Caldeirón presenta o libro Labirinto ou memoria, de Marta Dacosta 

· O venres día 5 de outubro, ás 20:00 horas, na librería O Pontillón de Moaña



A. C. Caldeirón / Moaña

 A A. C. Caldeirón presenta o libro de poesía Labirinto ou memoria da escritora Marta Dacosta, na Librería O Pontillón (rúa Concepción Arenal, 7, A Seara, Moaña). O acto terá lugar o venres día 5 de outubro, ás 20:00 horas.
Labirinto ou memoria
 Labirinto ou memoria é un libro que quere reflexionar sobre a memoria, sobre a súa fiabilidade e os seus traumas. Son certas todas as lembranzas que gardamos? Sucederon efectivamente así? Por que gardamos na memoria feitos que son, aparentemente, intranscendentes? por que non interpretamos correctamente algunhas lembranzas?
 A memoria é un material para a escrita tan moldeábel coma o barro. É persoal, colectiva, sentimento, historia, soño, realidade... Imaxes ás que nos aferramos mentres a razón nos esfarela os argumentos. A reconstrución do pasado coas súas imperfeccións e os seus avisos. O intento de perseguir e comprender a realidade.
 "Labirinto ou memoria é un libro efectivo. Realiza perfectamente un percorrido polos sentidos e sensibilidades universais mediante o empirismo individual". 
David González, Blog literario Palabra de Gatsby.
 “Labirinto ou memoria” ben podería ser considerado como un traballo de análise sobre os condicionamentos da mente humana á hora de adentrarse nas nosas lembranzas.” 
Manrique Fernández, Blog literario O meu andel.
 Sobre a presentación: “… unha das presentacións máis orixinais e íntimas que vira nunca”, “unha actividade distinta a todas, en que volvemos ser nenos, cheirar café acabado de facer, pan, herba e chuvia. No medio das présas da nosa vida, fíxonos parar e lembrar quen somos.” 
Gabriel Romero de Ávila, xornal Vigoé.
Marta Dacosta (Vigo, 1966)

Marta Dacosta Alonso
 Publicou os libros de poesía: Crear o mar en Compostela, premio de poesía "O Grelo" 1993, Pel de ameixa, premio González Garcés 1995, Setembro, premio "Martín Códax" 1998, En atalaia alerta, accésit do Esquío 1999, As Amantes de Hamlet, 2003, Cinsa, 2009, Acuática alma 2011, Argola, premio O Figurante edicións 2013, Dun lago escuro, premio Joham Carballeira 2013, finalista dos Premios AELG ao mellor libro de poesía de 2014, e Na casa da avoa 2017, finalista da Gala do libro galego ao mellor libro de poesía dese ano. A súa obra está recollida en diversas antoloxías como: Veinte puntos de fuga, do Ministerio de Cultura de Venezuela, Compañeira tristeza, Centro de Estudos Galegos da Universidade de San Petersburgo, Poetes gallecs d'avui, Llibres del Segle ou Galician poetry, Metamorphoses 22, Massachussetts. Publicou tamén o libro de viaxes Baixo Miño 2009, os textos do proxecto Un mar de mulleres 2010 e estudos sobre a obra de X. L. Méndez Ferrín, Victoriano Taibo ou Manuel María.

Ningún comentario:

Publicar un comentario