A Guarda sorteou xa 40 carros
Na Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto»
O alcalde e a concelleira de Comercio, cos clientes do Mercado da Praza de Abastos, agraciados cos carros de compra
Fotos: C. A. G.
Infogauda / A Guarda
Este mércores día 3 de outubro, realizouse a entrega dos 20 carros de compra correspondentes ao segundo sorteo realizado entre os clientes do Mercado da Praza de Abastos dentro da Campaña de Mobilidade «A Guarda, todo moi preto».
O alcalde de A Guarda facéndolle entrega a Emilio Pacheco Cardoso, do seu carro de compra, en presenza da concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes
Os 20 premiados neste sorteo recolleron o seu carro no segundo andar do Mercado da Praza de Abastos da Guarda da man do alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e da concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, xunto cun plano «Metrominuto», no que se especifican os tempos e distancias entre os principais puntos do casco urbano coma a Praza do Reló, a Alameda, os aparcamentos, as zonas de servizos, entre outros.
A Guarda continúa a promover a mobilidade, o comercio e a dinamización do mercado municipal da Praza de Abastos con sorteos semanais de 20 de carros da compra para que os veciños e veciñas os empreguen para mercar no casco urbano. Cada semana repartiranse papeletas entre os clientes da Praza de Abastos da localidade e realizaranse sorteos de 20 carros semanais ata o vindeiro 22 de outubro.
A Campaña «A Guarda, todo moi preto» abrangue diferentes accións e actividades nos espazos públicos orientadas á concienciación do uso da rúa para a xente, facilitando o movemento a pé polo casco urbano da vila, co emprego das prazas de aparcamento disuaorio postas en marcha nos últimos meses. O obxectivo é ir retirando de xeito paulatino os vehículos da rúa e darlle prioridade aos peóns no centro da vila, cunha filosofía de uso racional dos vehículos, coma o caso da Praza do Reló, tendo coma referencia o proxecto de Francesco Tonucci da Rede Española de Cidades das nenas e dos nenos, da que A Guarda forma parte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario