12 de out. de 2018

A GUARDA

INAUGURADA A XXXVI EXPOSICIÓN FILATÉLICA E A XXII EXFIMIÑO 2018

· Adicada a conmemorar o 350 Aniversario da liberación da dominación portuguesa de A Guarda e da Fortaleza de Santa Cruz 

De esq. a dereita: Joaquín Miguel Villa, Luciano Lomba Vicente, Valentín Suárez Alonso, Montserrat Magallanes Álvarez e Mª Elena Baz Rodríguez, no acto de inauguración
Fotos: C. A.G.

Infogauda / A Guarda

 Na noitiña do xoves día 11 de outubro a Casa dos Alonso acolleu o acto de inauguración da XXXVI exposición filatélica e a XXII EXFIMIÑO que este ano está adicada a conmemorar o 350 Aniversario da liberación da dominación portuguesa de A Guarda e da Fortaleza de Santa Cruz e que se poderá visitar ata o vindeiro 17 de outubro. 


 O acto de inauguración contou coas intervencións do presidente da Sociedade Numismática e Filatélica Guardesa (SFeNG), Luciano Lomba Vicente; a concelleira de Cultura, Mª Elena Baz Rodríguez; a deputada provincial, Montserrat Magallanes Álvarez; o presidente da Federación Galega de Sociedades Filatélicas (FEGASOFI), Valentín Suárez Alonso; o historiador local Joaquín Miguel Villa Álvarez; así como a presenza de representantes doutras sociedades filatélicas, expositores, convidados, membros da Corporación Municipal de A Guarda e visitantes.

 Como ven sendo habitual, a montaxe desta mostra realizase nos baixos da Casa dos Alonso, inmoble onde recentemente se instalaron as dependencias do Concello de A Guarda, contando con varias vitrinas cedidas pola Federación Galega de Sociedades Filatélicas e outros expositores, amosando coleccións de selos, nas categorías de xuvenís, filatelia moderna, clase aberta, temática, maximofilia, tradicional e historia postal. Tamén se expón algunha colección numismática.

 Participan nesta edición 26 expositores con 29 coleccions, entre elas a multipremiada "Colón: rumbo a las Yndias", de José Ángel Gándara Rodríguez.

 A mostra estará aberta en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas.  

De esq. a dereita:Valentín Suárez Alonso, Montserrat Magallanes Álvarez, Mª Elena Baz Rodríguez, Luciano Lomba Vicente e José Luis Franco Rodríguez, na posta en circulación do selo personalizado, cuño e sobre conmemorativos

 No acto de inauguración púxose en circulación un selo personalizado, cunha imaxe do plano da Fortaleza de Santa Cruz, cedida por InfoMaxe e un cuño conmemorativo co debuxo da Porta da Vila, entrada principal desa fortaleza.

 Dende o Concello da Guarda convídase á cidadanía e visitantes a aproveitar esta oportunidade única e visitar esta exposición ata o 17 de outubro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario