11 de out. de 2018

A GUARDA

Os praceiros do Mercado da Guarda continúan a súa formación  

O alcalde Antonio Lomba Baz e a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, asistiron ao inicio do obradoiro para traballo en equipo
Foto: C. A. G.

Infogauda / A Guarda

 O pasado mércores día 10 de outubro de 2018 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, asistiron ao inicio do obradoiro para traballo en equipo «Separados menos, xuntos máis», adicado aos praceiros e praceiras do Mercado da Guarda. 

 Este obradoiro de formación, realízase nas instalacións dunha empresa guardesa de formación, promovido e financiado polo Concello da Guarda para a profesionalización e dinamización do mercado da Praza da Praza de Abastos da Guarda, contando coa asistencia da práctica maioría das praceiras e praceiros do municipio.  

 Este obradoiro se suma ás diferentes accións formativas que se realizan semanalmente coma os obradoiros de redes sociais, decoración, técnicas de venda, entre outros.  

 Para o alcalde da Guarda o cambio na sociedade actual esixe unha adaptación por parte dos empresarios locais, pero tamén é moi necesario o traballo en conxunto, aportando ideas para traballar na mesma liña e dinamizar este mercado local.  

 Antonio Lomba clarexou que é moi importante o traballo en equipo e a implicación dos praceiros e praceiras, aportando ideas para un ben común, engadindo que dende o Concello están abertos a que se lles transmitan todas as súas inquedanzas para a realización de actividades que repercutan positivamente deste espazo. 

 Pola súa banda Montserrat Magallanes, concelleira de Comercio, destacou que dende o Concello se está a facer unha clara aposta pola profesionalización do Mercado da Praza de Abastos, realizando obras de adecuación e mellora das instalacións, campañas de dinamización comercial e formación para os praceiros, que permitan dar un servizo de calidade aos clientes deste espazo comercial, con tanta importancia para a vila.   

 Os praceiros xa teñen participado no obradoiro de «Decoración de Outono», impartido por Patricia Maquieira Franco, onde aprenderon técnicas para a decoración da praza e os seus postos de traballo, empregando a temática de outono, que xa se pode observar no mercado municipal, do mesmo xeito participarán noutro obradoiro para a decoración de cara a vindeira campaña de Nadal.

Ningún comentario:

Publicar un comentario