20 de set. de 2018

NARÓN (A CORUÑA)

Narón concentrará este venres a un cento persoas no VIII Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental 

• No torneo, organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, participarán nove asociacións de toda Galicia e celebrarase de 9:30 a 14:00 no Pavillón Campo da Serra. 

• O obxectivo do encontro é promover a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e fomentar a práctica de ocio normalizado.  


 Ana Escrigas Rodríguez / Narón

 A asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración coa federación Saúde Mental FEAFES Galicia, celebrará este venres 21 de setembro, o VIII Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán nove asociacións procedentes de diversos lugares da comunidade autónoma.  

 O torneo terá lugar no Pavillón Campo da Serra (Avda. Santa Icía, 27, 15570 Narón) de 9:30 a 14:00 e nel desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 51 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios e, posteriormente, os asistentes celebrarán un xantar de convivencia. 

 Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal estima que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, todos eles procedentes de distintos lugares da xeografía galega. Os xogadores que se enfrontarán neste torneo pertencen a nove asociacións e delegacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Alume (Lugo), Andaina (Dodro e Ordes), APEM (Cee), Avelaíña (A Guarda), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Saúde Mental FEAFES Galicia (Santiago de Compostela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).  

 O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade. 

 As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Ningún comentario:

Publicar un comentario