24 de ago. de 2018

A GUARDA

O BNG solicita nova valoración de impacto ambiental para a nova gasolineira en Pintán (Salcidos) 

Xan Lois Lomba Alonso (concelleiro do BNG no Concello de A Guarda): “O Goberno municipal ten que escoitar á veciñanza que lle está advertindo da grande cantidade de auga que existe na zona e os riscos de contaminación”  

Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro do BNG no Concello de A Guarda

Infogauda / A Guarda

 Os traballos para a construcción dunha nova gasolineira nun terreo de clase rústica, de labor ou labradío secano, cuxo uso principal, segundo o catastro, ata agora era agrario, denominado Campo Novo, en Pintán, na parroquia de Salcidos, no termo municipal de A Guarda, deron comezo, como todo o mundo pudo comprobar. 

 Desde o comezo dos traballos hai opinións a favor da implantación desa estación de servicio, e outras en contra. 

 O BLOQUE NACIONALISTA GALEGO presentou un escrito no Concello da Guarda solicitando un novo informe de impacto ambiental que teña en conta os acuíferos e reservas de auga utilizadas como regadío na zona. Así o ven de afirmar Xan Lois Lomba Alonso, concelleiro nacionalista no Concello de A Guarda.  

 Ante as demandas de información da veciñanza, así como as advertencias sobre a cantidade de acuíferos e balsas de auga utilizadas para regar zonas de cultivo na Gándara, o BNG considera que debera realizarse unha nova valoración de impacto ambiental por parte do concello que teña en conta as advertencias dos veciños e veciñas da zona da Visorca, lugar concreto onde se vai construír unha gasolineira “desatendida” na Gándara, propón o concelleiro do BNG.  

 “Sabemos - engade Xan Lois Lomba - que todos os informes son favorábeis, mais tamén consideramos que temos que escoitar aos veciños e veciñas da zona que están advertindo de que a zona é rica en acuíferos, con grandes cantidades de auga, que a día de hoxe estanse a utilizar para regadío. Polo que é de interese que se faga unha valoración de impacto ambiental para ver a conveniencia dunha gasolineira nesta zona.

 Para o BNG é sorprendente que este proxecto comezara a tramitarse no ano 2.016 e que habendo no goberno municipal concelleiros da zona que, ademais, ostentan cargos directivos nunha asociación de veciños da Gándara, non teñan informado con tempo aos veciños e veciñas para que puideran asesorarse e presentar alegacións en tempo e forma.  

 Xan Lois Lomba Alonso relembra que “o BNG deixou claro na comisión de urbanismo que había que informar e ter informado aos veciños e veciñas da Gándara sobre a construción dunha gasolineira “desantendida” na Visorca.

Ningún comentario:

Publicar un comentario