16 de xul. de 2018

VIGO

O COAG ACOLLE A EXPOSICIÓN COAS 24 PROPOSTAS PRESENTADAS PARA UNHA NOVA PONTE INTERNACIONAL ENTRE TOMIÑO E CERVEIRA   

Uxío Benítez destacou o “altísimo nivel técnico” dos proxectos participantes nesta iniciativa lanzada pola Deputación de Pontevedra, dentro do proxecto ecoturístico Visit Rio Miño  

A mostra estará aberta ao público até o vindeiro 27 de xullo 

A exposición “A nova ponte peonil Tomiño – Cerveira. Concurso internacional de ideas” estará aberta ao público de luns a venres na sala de exposicións da sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo
Foto. D. P.

Infogauda / Vigo

 O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia acollerá dende este luns 16 a exposición “A nova ponte peonil Tomiño – Cerveira. Concurso internacional de ideas”, que reúne as 24 propostas presentadas ao certame impulsado pola Deputación de Pontevedra para a construción dunha nova ponte internacional de tipo peonil e ciclable que unirá o Espazo Fortaleza de Tomiño e o Parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira, para crear o primeiro parque transfronteirizo de lecer da península ibérica nun enclave e destino turístico único e orixinal.   

 A exposición estará aberta ao público de luns a venres na sala de exposicións da sede do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, en Vigo. O horario de visita será das 9:00 h ás 20:00 horas na semana do 16 ao 20 de xullo, e das 9:00 horas ás 14:00 horas na semana do 23 ao 27.  

 O deputado de Cooperación Transfronteiriza, Uxío Benítez vén de destacar a relevancia técnica de todas as  propostas que participaron no concurso así como a diversidade de países e enclaves dende os que chegaron, motivos que impulsaron a posta en marcha desta exposición que permitirá dalas a coñecer entre toda a cidadanía.   

 As tres propostas finalistas por seren as mellor valoradas polo xurado foron ‘Raia’, de Álvaro Siza e Jorge Amorim Nunes da Silva; ‘Caminho do rio’ de Javier Zubia e Paula Teles, e ‘Una línea sobre el Miño’ das sociedades Burgos & Garrido e Bernabeu Ingenieros.    

 Tras a resolución do Concuso de internacional de ideas, o procedemento atópase agora unha segunda fase, de maior complexidade, na que estes tres proxectos participan nun negociado coa Deputación de Pontevedra que se espera que se resolva á altura do verán.  

 O deseño da futura ponte entre Tomiño e Cerveira enmárcase dentro da acción “Cualificación e promoción do parque transfronteirizo Castelinho-Fortaleza”, do proxecto VISIT RIO MINHO, promovido conxuntamente pola Deputación de Pontevedra, a CIM Alto Minho, a Fundación CEER, o Centro Tecnolóxico do Mar, a Universidade de Vigo e os municipios do norte de Portugal.   

 VISIT RIO MINHO está cofinanciado ao 75 % por fondos FEDER da UE a través da convocatoria INTERREG V-A POCTEP 2014-2020 e ten por obxectivo a cualificación e valorización ambiental dos recursos endóxenos do territorio do Miño e a súa promoción como destino ecoturístico.

Ningún comentario:

Publicar un comentario