11 de xul. de 2018

GOIÁN

Conferencia do historiador Angel Viñas sobre o 18 de xullo do 36 en Goián

· O mércores 18 de xullo ás 20:00 horas, no salón de actos do Centro Goianés


Asociación Cultural Centro Goianés / Goián

 O Centro Goianés organiza o mércores 18 de xullo ás 20:00 horas unha conferencia do investigador Ángel Viñas titulada “Historia e memoria histórica. O caso español e o 18 de xullo”. 

 Ángel Viñas elixiu a data, o 82 aniversario da sublevación militar do 18 de xullo que se transformou en Guerra Civil, para abordar nunha conferencia como se xestou. 

 Economista, historiador e diplomático da Unión Europea, Ángel Viñas leva décadas empeñado en estudar e desfacer os mitos sobre a guerra civil. 

 Logo dunha longa carreira de investigador centrada na guerra civil e o seu encadramento nas relacións intra-europeas da época, Angel Viñas abordou nos últimos anos a tarefa de esclarecer algunhas vetas escuras no comportamento dun caudillo adorado e odiado dende 1936 ata hoxe en día, revelando algunhas actuacións de Franco, que ata hai pouco eran descoñecidas ou non estaban contrastadas. Nunca equiparou unha República fráxil, pero legal, cunha sublevación ilegal e ilexítima. Viñas procura acreditar as súas afirmacións con evidencias documentais que busca en arquivos españoles e estranxeiros, públicos e privados dende que en 1974 demostrou documentalmente que a sublevación militar non se fixo coa participación nazi, pois foi anterior a ela. Corenta anos máis tarde segue indagando na dinámica que conduciu a aquel 18 de xullo do 36. 

 No seu último ensaio, O primeiro asasinato de Franco, Viñas desmonta a versión franquista da morte do Comandante Militar de Las Palmas, dous días antes da sublevación, o 16 de xullo. O militar Amado Balmes non morreu accidentalmente se non que foi asasinado porque era o único que podía desbaratar os plans de Franco. 

 Viñas está empeñado en desfacer os mitos difundidos nas biografías de Franco que ocultan a realidade da personaxe e a súa actuación e en descubrir como os vencedores reelaboraron a historia xustificando a sublevación como necesaria coa axuda de propagandistas e especialistas do Servicio Histórico Militar. Nos seus traballos, o historiador aporta novas perspectivas sobre a querenza nazi de Franco, a gravidade do seu compromiso con Hitler ou a escura orixe da fortuna persoal do Caudillo.  

ÁNGEL VIÑAS

 Ángel Viñas é catedrático emérito da Universidade Complutense. De familia moi modesta, tivo unha educación estritamente laica nas escolas do barrio de Atocha (Madrid). Estudou en Alemania e Escocia con becas estranxeiras e grazas ao seu esforzo, traballando de recadeiro, profesor de castelán no estranxeiro, de alemán e francés en Madrid e de tradutor. Os seus intereses abarcan dende Xermánicas e as vellas economías de dirección central á política económica, exterior, de defensa e seguridade, as relacións internacionais e a historia (de Alemania, Estados unidos e España) que é a súa auténtica paixón. Premio extraordinario na licenciatura e doutoramento de Ciencias Económicas, Técnico comercial do estado, foi funcionario do FMI, director de Relacións Exteriores na Unión Europa, Embaixador da Unión Europea ante Nacións Unidas, Director xeral de Universidades, asesor de Fernando Morán e Francisco Fernández Ordóñez. Tamén catedrático numerario de Economía en Valencia, Alcalá, na UNED e na Complutense e cinco anos como docente na Facultade de Historia de Valencia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario