20 de xuño de 2018

A GUARDA

Os praceiros e praceiras da Guarda fórmanse en redes sociais    

O alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, asistiron á Clausura do curso de formación en redes sociais, adicado aos praceiros e praceiras do Mercado da Guarda
Fotos: C. A. G.

Jorge Alonso / A Guarda

 O pasado martes día 19 de xuño de 2018 o alcalde da Guarda, Antonio Lomba Baz e a concelleira de Comercio, Montserrat Magallanes Álvarez, asistiron á Clausura do curso de formación en redes sociais, adicado aos praceiros e praceiras do Mercado da Guarda. 

 Este curso de formación en novas tecnoloxías e redes sociais, realizouse en Informática San Benito na Guarda dende o pasado 29 de maio, contando coa asistencia da práctica maioría dos praceiros e praceiras do municipio. Nesta actividade formativa realizada en clases de carácter semanal e de dúas horas de duración aprenderon a traballar coas redes sociais, tratamento de imaxes, configuración de perfís sociais, interactuando a través do perfil en Facebook “Mercado de A Guarda”. 

 Para o alcalde da Guarda o cambio na sociedade actual esixe unha adaptación por parte dos empresarios locais para a comercialización dos seus produtos e realizar novas captacións de clientes empregando as novas tecnoloxías e as redes sociais para abarcar novos mercados. 


 Antonio Lomba clarexou que depende dos propios praceiros e praceiras que esta adaptación ao novo concepto social sexa susceptible de proseguer, de cara a poder competir e ofertar produtos, fidelizando clientes, cun trato persoal, de proximidade e cun produto ben diferenciado. “O Mercado da Guarda ten futuro, hai un traballo extra que facer, pero os beneficios serán moi positivos xa que é un dos elementos dinamizadores da economía da Guarda”, dixo o rexedor. 

 Pola súa banda Montserrat Magallanes, concelleira de Comercio, destacou que dende fai tempo trabállase na mellora do comercio e do turismo da vila, con actuacións que moitas veces non corresponden á Administración, pero que “somos conscientes que este tipo de actividades son necesarias e dende o consistorio local aportamos o noso gran de area para que así sexa”. Indicou tamén que ante o novo momento de cambio da sociedade, do hábitos de consumo, todos os sectores deben adaptarse a realidade coas técnicas e campañas de promoción axeitadas. 

 Aproveitou tamén a ocasión para informar aos praceiros e praceiras que o Novo Regulamento da Praza de Abastos xa está preparado e será entregado nos vindeiros días a cada un dos comerciantes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario