7 de abr. de 2018

PONTEVEDRA

O Partido Popular afirma que Carmela Silva minte falando dun suposto “grupo de WhatsApp” para tapar o malestar de alcaldes socialistas ante a falta de información  

«Si houbo traspaso de información pero porque o propio alcalde de Fornelos de Montes se desprazou ata o Concello da Lama para pedirlle as bases a Jorge Canda, xa que ambos manteñen unha boa relación desde hai anos».  

Os populares desvelan que antes do pleno houbo senllas reunións de alcaldes motivadas polo plan DepoRemse, unha programada do PP para estudar as bases e outra reunión, forzada e a modo de protesta, dos alcaldes socialistas. 


Ángel Moldes, voceiro do Partido Popular na Deputación de Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O Partido Popular acusa á presidenta da Deputación, Carmela Silva, de agochar detrás dunha invención sobre “un suposto grupo de WhatsApp” o verdadeiro problema co que se enfronta como é «o lío monumental que ten cos alcaldes da provicia, incluídos os do Partido Socialista, pola falla de información e o seu desexo de interferir continuamente na autonomía municipal coa posta en marcha de proxectos como o Plan DepoRemse».  

 Durante o pleno a presidenta da Deputación Carmela Silva insinuou –sen ter o valor de dar nomes nin acusar a ninguén– que os alcaldes do PP mandaran equivocadamente a un alcalde socialista información sobre o Plan DepoRemse. Foi David Regades o que máis tarde nos corredores concretou que fora o Alcalde da Lama, Jorge Canda, quen enviara ese suposto WhatsApp equivocado.  

 Os populares confirman que si houbo tal traspaso de información e que o alcalde da Lama pasou as bases a un alcalde socialista, concretamente ao de Fornelos de Montes, Emiliano Lage, pero non por WhatsApp, senón que foi o propio Lage quen se desprazou ao Concello da Lama, con cuxo rexidor mantén unha boa relación desde hai anos.
  
 De feito, as bases levounas en papel despois de que se lle imprimisen no propio Concello de Lama, advertíndoselle previamente de que esas bases non eran as definitivas, posto que aínda non foran aprobadas, pero que o proxecto fora anunciado polo propia presidenta provincial días antes. 

 Así, os populares desminten “a polémica do WhatsApp” e circunscríbena á colaboración entre alcaldes de dous concellos limítrofes que, «ante a falta continua de información clara para os pequenos e medianos concellos, teñen que intercambiar datos para coñecer de primeira man a liña de axudas da Deputación para non se quedar fóra e que nos resulten perxudicados os intereses dos seus veciños e veciñas, sobre todo porque soe pasar con concellos moi modestos que precisan da colaboración económica do ente provincial para atender as demandas dos seus residentes»

 «Como Carmela Silva non se leva ben sequera con moitos compañeiros do seu partido, pode parecerlle incrible que 2 alcaldes de distinta cor política teñan boa relación. Esa boa relación é a que debería de proucuparse ela de manter, cando menos, cos alcaldes socialistas. Porque xa é triste que os alcaldes do PSOE teñan que pedir os datos aos diputados do PP», ironizan desde as filas populares.   

 Os voceiros do PP na Deputación indican que «comeza a ser un costume o feito de que a presidenta Carmela Silva se invente ‘películas para non durmir’ co fin de agochar e diluir unha realidade que a acompaña durante os seus tres anos de mandato e que se caracteriza polo nulo trato cos alcaldes, incluídos os do seu partido, o que está a motivar xa un movemento interno de protesta».  

 Así, os populares desvelan que un día antes do pleno algúns alcaldes socialistas forzaron unha reunión para expresar o seu malestar pola falta de información. Curiosamente, á mesma hora había unha reunión paralela na sede provincial do PP –neste caso, programada- na que alcaldes populares da provincia tamén expresaron a súa preocupación, non só pola opacidade do goberno provincial senón tamén coa «deriva intervencionista por parte do bipartito».  

 Nesta reunión os populares estudaron ademais as Bases provisionais do Plan DepoRemse e confirmaron que este plan está predeterminado para encaixar como un guante en determinados concellos e marxinar outros que non son do agrado do bipartito. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario