29 de abr. de 2018

OIA

O CONCELLO DE OIA ORGANIZA UNHA VISITA A ABEGONDO 

PARA DAR A COÑECER O USO DE MACROFITAS COMO ALTERNATIVA PARA DEPURAR AUGAS RESIDUAIS


A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, sostendo a bandeira do programa Life+ Aqua Plann

Infogauda / Oia

 O Concello de Oia organiza unha visita a Abegondo, para os veciños e veciñas que queiran coñecer de primeira man o sistema de depuración pioneiro implantado neste Concello, baseado na depuración a través de plantas macrofitas ou acuáticas.  

 Este sistema, en opinión da alcaldesa, Cristina Correa, sería o adecuado para zonas dispersas, tanto do interior como da costa, xa que permite a xestión de augas residuais domésticas dun xeito sostible, cun sistema biolóxico, formado por humedais que non contaminan e teñen un mantemento asumible. 

 “Este sistema de humedais - segundo afirmou a alcaldesa de Oia - depura augas residuais que son tratadas nunha estación depuradora (EDAR). Esta planta inclúe dous humedais de plantas macrofitas como sistema terciario de depuración. É dicir, despois de pasar por sistemas convencionais de depuración, as macrofitas actuarán sobre as augas para mellorar a súa calidade como medio de auto-depuración natural. É un sistema natural, cunha afectación mínima ó medio ambiente, que se integra perfectamente dende o punto de vista paisaxístico e cun moi baixo, ou nulo consumo enerxético, e apenas require mantemento.”  

 Cristina Correa tamén engadiu: Así mesmo, haberá ocasión de coñecer da man do técnico Carlos Ameijeira, o proxecto Life Rural Suplies, sobre a calidade da auga das traídas veciñais e pozos levado a cabo en Abegondo.  

 A visita está prevista o sábado 2 de xuño. Os veciños e veciñas interesados, deberán inscribirse no Rexistro do Concello. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario