18 de abr. de 2018

A GUARDA

A Biblioteca Municipal celebra o Día do Libro con actividades para todos os públicos   


Sara Alonso / A Guarda

 A Biblioteca Pública Municipal da Guarda celebrará o Día Internacional do Libro cunha programación especial orientada ao fomento da lectura entre a poboación guardesa de todas as idades.    

 As actividades comezarán este sábado, 21 de marzo, cunha nova sesión de «Contos contados» na que as cativas, cativos e as súas familias poderán gozar do acompañamento da música do saxofonista Néstor Lomba Lomba. Deseguido terán a oportunidade de participar no obradoiro de elaboración manual dun libro, decorado e acondicionado para ser utilizado como guía de lectura. A sesión comezará ás 11:30 horas.   

 O luns 23 de abril, Día Internacional do Libro, promoverase a iniciativa «Un libro, unha idea», pola que todas aquelas persoas que se acheguen á Biblioteca Municipal poderán levar un libro de agasallo. En troco, deberán deixar escrita unha idea persoal ou opinión relacionada coa lectura nos murais colocados no Centro Cultural (sobre o seu libro favorito, o significado da literatura nas súas vidas etc.). O horario de apertura da Biblioteca será de de 17:00 a 20:00 horas.  

 Como novidade, o 23 de marzo a Biblioteca estreará a «bebeteca», unha nova sección no espazo de lectura municipal do que poderán gozar as máis pequenas e pequenos da casa. A «bebeteca» componse dunha selección de obras adaptadas ás crianzas de entre 0 e 3 anos, con imaxes vivas e distintas texturas coas que poderán experimentar e comezar a familiarizarse cos libros.  

 A programación cultural do Concello da Guarda con motivo do Día Internacional do Libro completarase co espectáculo musical «Vai Ser boa!» do grupo Migallas Teatro e o Certame de Microrrelatos, cuxos traballos serán expostos este venres no Centro Cultural.

Ningún comentario:

Publicar un comentario