20 de abr. de 2018

A GUARDA

A lectura e a música converxen na Guarda  durante a fin de semana  

A vila encherase de actividades culturais e lúdicas para toda a familia dende hoxe mesmo e ata o luns, para conmemorar o Día Internacional do Libro  


Sara Alonso / A Guarda

 A Guarda vivirá dende hoxe e ata o vindeiro luns uns días de intensa programación cultural, coa celebración das actividades conmemorativas do Día Internacional do Libro e numerosas exposicións en diferentes puntos da vila.  


 A programación comezará este venres coa entrega dos agasallos a todos e todas as participantes no Certame de Microrrelatos 2018. A partir das 18:00 horas, todos os traballos presentados dentro do concurso serán expostos no Centro Cultural, para que podan ser lidos e gozados por toda a veciñanza.   


 O sábado, a música e a lectura converxerán, primeiro, coa nova sesión de «Contos contados» na Biblioteca Pública Municipal (11:30 h). Alí, as cativas, cativos e as súas familias poderán participar na lectura da obra «Contos por teléfono» de Gianni Rodari, que contará co acompañamento do saxofonista Néstor Lomba Lomba. Deseguido, os petís poderán elaborar un libro-guía de lectura no obradoiro de manualidades.   


 Xa pola tarde, o salón de actos do Centro Cultural acollerá o espectáculo musical «Vai ser boa!» do grupo Migallas Teatro. A función, baseada no popular disco-libro infantil «Pan de millo», comezará ás 18:00 horas. As  prazas son limitadas, polo que as persoas que desexen asistir deberán recoller as súas entradas previamente no Centro Cultural.   

 Polo Día Internacional do Libro, que se conmemora o 23 de abril, a Biblioteca estrará a «bebeteca», unha nova sección de lectura dirixida aos cativos e cativas de 0 a 4 anos; e, para o resto de lectores, promoverase a iniciativa «Un libro, unha idea». Participar será tan sinxelo como compartir no mural da Biblioteca unha idea persoal sobre a lectura, a cambio da cal recibirán un libro de agasallo.

 O horario de apertura da Biblioteca Pública Municipal é de 17:00 a 20:00 horas de luns a venres e de 10:00 a 13:00 horas os sábados.    

 Exposicións de escultura e fotografía 


 Ademais da oferta de ocio ligada á celebración do Día Internacional do Libro, na Guarda teremos ocasión de gozar da arte escultórica e da fotografía. Nesta liña, a mostra «Nado en pedra», da Escola  de Cantería de Pontevedra, poderá visitarse na Fortaleza de Santa Cruz ata o vindeiro 2 de maio (de 10:00 e as 20:00 horas de luns a domingo), namentres a mostra fotográfica «Falan de min, falan de ti», do fotógrafo Aberto Pereiro Lueiro «Holly», permanecerá no Centro Cultural ata o 24 de abril. As imaxes poderán contemplarse en horario de mañá (10:00 a 13:00 h) e tarde (17:00 a 20:00 h) de luns a venres, e os sábados en horario de mañá.   


 Amais destas, o Concello da Guarda ven de recibir a exposición fotográfica «No colo da esperanza», cedida polo fotoxornalista Felipe Carnotto ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. As imaxes, que retratan a situación de milleiros de persoas que fixen da guerra en Siria, poderán contemplarse na Casa do Concello entre as 8:00 e as 15:00 horas de luns a venres. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario