9 de mar. de 2018

LABORAL

A empresa viguesa Boycor ameaza con sancionar a unha traballadora por participar na folga do 8 de marzo 

A CIG presentará unha denuncia na Inspección por vulneración de dereitos fundamentais


Infogauda / Vigo

 A empresa Boycor, consultoría con sede no polígono vigués de Valadares, remitiulle un correo electrónico a unha traballadora na que a ameaza cunha falta leve por non ter comunicado previamente a súa intención de participar na folga do 8 de marzo. Así o ven de afirmar a CIG-Banca , que segundo pudo saber este xornal dixital, presentará unha denuncia na Inspección de Traballo o vindeiro luns por vulneración dos dereitos fundamentais de folga e de liberdade sindical, xa que ademais é a candidata da central nas próximas eleccións sindicais.  

 A CIG-Banca sinala que na comunicación que lle foi remitida á empregada hoxe mesmo, ao día seguinte do paro internacional de mulleres deste 8 de marzo, e que vai asinada polo propietario da compañía, Fernando Bordallo Cortina, bótaselle en cara que se acollese ao seu dereito de asistir á folga sen ter avisado con antelación, ao tempo que se recoñece que “posiblemente non te escribiría este correo si no fuera porque te presentas como candidata a la plaza vacante de delegada de personal y, por lo tanto, es posible que en el futuro seas referencia laboral para tus compañeros”. 

 Pero o máis grave vén a continuación, xa que no escrito recrimínaselle que “deberías saber que la ausencia al trabajo sin avisarlo constituye unha falta leve, como refleja nuestro convenio que, por cierto, ha sido renovado esta misma semana y cuya lectura te recomiendo”. O que amosa o seu profundo descoñecemento da normativa é o dono da empresa, xa que el si debera saber que a lei establece que os traballadores/as non están obrigados/as en ningún caso a comunicar con antelación a súa intención de exercer o dereito de folga e tampouco a contestar no caso de que se lles pregunte expresamente.  

 Diante disto, a federación de Banca da CIG de Vigo presentará este mesmo luns unha denuncia na Inspección de Traballo por vulneración dos dereitos fundamentais de folga e de liberdade sindical, xa que a traballadora preséntase como candidata da central ás eleccións sindicais cuxa mesa se constitúe o luns.

“Golpe de realidade”  

 Dende a CIG-Banca lembran que Boycor xa intentara coaccionar o cadro de persoal, integrado por 45 traballadores/as, con anterioridade cando se convocaran paros na propia empresa solicitándolles que comunicaran a súa intención ou non de secundalos. “Agora fixeron o mesmo, pero como esta empregada non lles fixo caso, mándanlle esta comunicación na que ameazan con sancionala”, indican dende a federación.  

 Para a secretaria confederal das Mulleres da CIG, Margarida Corral, o sucedido con esta traballadora constitúe un “golpe de realidade” despois do “rotundo éxito” da folga de mulleres. “Vemos como pese á hipocrisía de moitas empresas que fixeron pública a súa intención de non obstaculizar a participación nos paros, a resposta coa que nos atopamos ao día seguinte é esta”, censura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario