10 de mar. de 2018

GALICIA

A Xunta de Galicia convocará este mes novas axudas para instalar ascensores en 850 vivendas 

Esta convocatoria manterá os requisitos dos beneficiarios, o tipo de actuacións subvencionables ou a contía de axudas, pero os solicitantes disporán de máis tempo para a realización das obras

As axudas cobren o 60% do custo da actuación, sendo subvencionables os honorarios dos profesionais que interveñen na colocación destes elementos; ou os custos en equipamentos, obra civil e man de obra asociados á instalación  

No caso de ascensores e elevadores, as axudas poden chegar aos 4.500 € para as vivendas unifamiliares e dúplex; 28.000 para os edificios residenciais con máis de 8 vivendas; e 35.000 en edificios con 8 vivendas ou menos  

A de 2017 foi a primeira convocatoria de axudas da Xunta para a instalación de ascensores e de elementos de accesibilidade nas vivendas, cun orzamento de 1,3 M€, que permitiron actuar en 434 vivendas  


Infogauda / Galicia

 A Xunta publicará este mes unha nova convocatoria de axudas para a instalación de ascensores en arredor de 850 vivendas máis, cun investimento de 2,5 millóns de euros, case o dobre que no exercicio anterior.  

 Na nova convocatoria manteranse os mesmas requisitos do ano anterior, en canto aos beneficiarios, ao tipo de actuacións subvencionables ou á contía de axudas, pero os solicitantes disporán de máis tempo para a realización das obras, porque está previsto publicar a nova orde de xeito inmediato.  

 Estas subvencións son compatibles con calquera outra destinada a este mesmo fin, sempre que a suma de ambas non supere o custo total das obras. As axudas, con carácter xeral, cobren o 60% do custo da actuación, considerándose subvencionables os honorarios dos profesionais que interveñen na colocación destes elementos; os informes técnicos necesarios; os gastos da tramitación administrativa; e os custos en equipamentos, obra civil e man de obra asociados á instalación dos dispositivos.  

 No caso concreto de instalación de novos ascensores e elevadores, as axudas poden chegar aos 4.500 € para as vivendas unifamiliares e dúplex; ata os 28.000 € para os edificios residenciais con máis de 8 vivendas; e aos 35.000 € no caso de edificios residenciais con 8 vivendas ou menos. Para a colocación de salvaescaleiras e doutros dispositivos de accesibilidade, as subvencións acadan os 2.000 €. 

 Cómpre lembrar que a de 2017 foi a primeira convocatoria de axudas da Xunta para a instalación de ascensores e de elementos de accesibilidade nas vivendas que non dispoñían deles. A esta primeira convocatoria destinouse un investimento de 1,3 M€, que permitiron conceder 59 axudas para a instalación de ascensores en 434 vivendas.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario