A Xunta de Galicia publica hoxe no DOG a aprobación do proxecto de trazado e das expropiacións para a construción da variante do Seixo, en Tomiño, cun investimento de 3,5 millóns de euros
Trátase dunha vía de novo trazado que proporcionará unha alternativa para reducir o intenso tráfico do núcleo urbano do Seixo e mellorar a conexión futura coa vía de altas prestacións Tui-A Guarda
O proxecto contempla a execución de cinco glorietas nas interseccións coas rúas existentes e unha conexión urbana de 150 metros para unir a nova vía co centro urbano de Seixo
Tras encargarse de supervisar e aprobar o proxecto, a Administración autonómica destinará case 1 millón de euros ao proceso expropiatorio
O Goberno galego cumpre así os compromisos adquiridos no convenio que asinou en agosto pasado co Concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra para o impulso conxunto desta actuación
Infogauda / Tomiño
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe o anuncio polo que se aproba definitivamente o proxecto de trazado para a mellora da conexión entre as estradas Tomiño-Sabarís e a PO-344, ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo, e o seu expediente de información pública.
Premendo eiquí pódese ampliar a información relativa ao anuncio publicado hoxe no DOG.
Esta actuación, que suporá un investimento total de 3,5 millóns de euros, busca mellorar a conectividade da estrada provincial Tomiño-Sabarís (EP-3102), concretamente na avenida da República Arxentina, no núcleo de Seixo, e reducir o intenso tráfico que se rexistra actualmente a PO-344, na rúa Gondomar, grazas á un trazado dunha nova estrada que actúe de variante da PO-344 no núcleo urbano do Seixo.
A nova vía proporcionará unha saída natural á avenida da República Arxentina, e á estrada provincial que conduce á Pedra cara o leste do núcleo, e permitirá a futura conexión da PO-344 coa vía de altas prestacións Tui-A Guarda, sen necesidade de atravesar o núcleo urbano. Tamén, comunicará os equipamentos existentes na estrada EP-3102 como o CEP Pedro Caselles, co centro de saúde, a residencia asistida, e mesmo co Instituto de Tomiño, inmediatos á avenida da República Arxentina.
Esta vía terá unha lonxitude de algo máis de 1,3 quilómetros e conectará coa estrada EP-3102 polo sur, coa PO-344 ao norte do núcleo de Seixo, así como co enlace previsto da vía de altas prestacións Tui-A Guarda. Será unha estrada con dobre sentido de circulación, de 10 metros de ancho, seis para unha senda peonil e ciclista, bermas de 0,5 metros, e gabias de dous metros.
No seu trazado está prevista a execución de cinco glorietas nas interseccións coas rúas existentes e proxéctase a maiores unha conexión urbana de 150 metros para unir a nova vía co centro urbano de Seixo.
Tras encargarse de supervisar e aprobar o proxecto, a Administración autonómica destinará case 1 millón de euros ao proceso expropiatorio. O Goberno galego cumpre así os compromisos adquiridos no convenio que asinou en agosto pasado co Concello de Tomiño e a Deputación de Pontevedra para o impulso conxunto desta actuación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario