A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid acolle durante dous días un denso programa que seguen docentes de sete comunidades, entre elas EFA-Galicia que organiza o encontro
MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE DIRECTIVOS DAS EFAs ACODEN Á CASA DE GALICIA PARA AS XORNADAS DE FORMACIÓN,“OS NOVOS EMPREGOS NO MEDIO RURAL: RETOS PARA OS DOCENTES DA FP”
De esq. a der.: Gabriel Tirapu, Javier Prado, o delegado da Xunta de Galicia, José Ramón Ónega; Rosalía Serrano Velasco e Maria Teresa Salinero
Fotos: Casa de Galicia
Infogauda / Madrid
A Delegación da Xunta en Madrid/Casa de Galicia acolle hoxe xoves día 8 (en horario de mañá e tarde) e mañá venres 9 (en horario de mañá) as “XORNADAS DE FORMACIÓN DE DIRECTIVOS DAS ESCOLAS FAMILIARES AGRARIAS ( EFA), baixo o título, “OS NOVOS EMPREGOS NO MEDIO RURAL: RETOS PARA OS DOCENTES DE FORMACIÓN PROFESIONAL”, e cuxo obxectivo é a preparación e formación dos directivos dos 26 centros das Escolas. A estas xornadas, que se celebran cada dous anos, asisten máis de medio centenar de profesionais que desenvolven as súas actividades en sete comunidades autónomas: Aragón, Andalucía, Castela a Mancha, Comunidade Valenciana, Estremadura, Madrid e Galicia, cuxa EFA organiza os encontros en colaboración con UNEFA.
Máis de medio centenar de profisionais das EFAs acudiron ás Xornadas celebradas na Casa de Galicia
No acto de inauguración, que estivo presidido polo delegado da Xunta en Madrid e director da Casa José Ramón Ónega López, interviñeron a directora xeral de Formación Profesional do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, Rosalía Serrano Velasco; o presidente de UNEFA, Javier Prado; o presidente de EFA-Galicia, Gabriel Tirapu Díaz e a directora das Xornadas, María Teresa Salinero. Ónega deu a benvida tanto aos integrantes da mesa como aos asistentes felicitando a todos por “o gran labor que realizan no rural, onde ademais, e especialmente nestes anos de despoboación, é tan necesaria”. Pola súa banda, Javier Prado, expresou en nome de todos “a estupenda acollida na Casa de Galicia, onde traballamos moi ben, sentimos o afecto co que sempre nos reciben e estamos moi agusto”.
As xornadas contan coa asistencia de 54 profesionais que á súa vez impartirán os ensinos entre os máis de 400 docentes que traballan nas EFAs e que poderán aplicalas aos 4445 alumnos que teñen neste curso. De Galicia asisten seis persoas, entre elas, os directores dos Centros de Promoción Rural – EFA de Coristanco, Arzúa e As Neves, así como o presidente e o secretario xeral da Federación EFA Galicia. Nelas estudan máis de 300 alumnos. Impártese ESO e estudos Agrarios, Sanitarios, Administrativos e Industrias Alimentarias.
A pedra angular das EFAs é o método pedagóxico que aplican baseado na alternancia. A empresa xunto coa escola e a familia son protagonistas da formación “á carta”, en función do que o mercado demande, incluso anticipándose a formar estudantes para os postos que se van a precisar a curto prazo. Ofrecen unha formación integral, logrando bos profesionais pero tamén boas persoas, coas habilidades necesarias para incorporarse ao ámbito laboral, sempre no etorno rural máis próximo. As EFAS acaban de cumprir os primeiros 50 anos de existencia, axudando ao desenvolvemento do medio rural e formando a máis de 40 mil alumnos. En Galicia, son xa máis de dous mil antigos alumnos que desde as súas explotacións agrarias, pequenas ou medianas empresas, nos seus traballos e iniciativas, axudan ao desenvolvemento e promoción da comunidade autónoma.
En toda España colaboran con máis de 3.600 empresas, en moitas das cales hai alumnos das EFAs realizando prácticas profesionais.
Mañá venres celebrarase (en horario de mañá,de 9 a 14 horas) a continuación e posterior clausura das Xornadas de Formación de Directivos das Escolas Familiares Agrarias ( EFA).
Ningún comentario:
Publicar un comentario