8 de feb. de 2018

LABORAL

INSTRUCIÓNS DE CAMBIO DE QUENDA E DE VACACIÓNS 2018 DA EOXI DE VIGO

Diante das instrucións remitidas pola Xerencia da EOXI de Vigo para regular as vacacións para o ano 2018 e os cambios de quenda de traballo,

CIG-SAÚDE manifesta:

Rexeitamos totalmente estas instrucións polas limitacións que establece, recortes nos períodos de vacacións, nas presenzas nos servizos, etc., especialmente en determinadas categorías e no ámbito de atención primaria, e limita de xeito inxustificado os cambios de quenda, que non deixa de ser un mecanismo utilizado para poder conciliar a vida laboral e familiar.

Consideramos que estas son froito dunha situación insostible provocada pola actual administración, pola súa política de precariedade laboral, que incluso fai perigar o actual sistema público de saúde.

A falta de profesionais, xunto cunha nefasta política de contratacións, dificulta a día de hoxe unha prestación sanitaria de calidade, xera lista de espera na atención primaria, por falta de cobertura de profesionais e colapsos nos servizos de urxencias e nos hospitais, incrementa a precariedade laboral, con menos profesionais hai que cubrir máis postos, e precariza as condicións de traballo do persoal das listas de contratacións.

Esta situación non fará máis que empeorar, especialmente nas categoría que se nutren dalgúns especialistas nos que o número de profesionais en formación é claramente inferior ás necesidades do sistema sanitario público, como pediatría e medicina de familia. De non tomar medidas urxentes as categorías de pediatría, tanto do hospital como de primaria, as de medicina de familia, en atención ordinaria e nos PACs, as de médicas/os de urxencias hospitalarias e as de médicas/os asistenciais do 061 se verían gravemente afectadas. Esta situación de falta de profesionais afecta tamén á enfermería, onde xa temos problemas para cubrir as necesidades actuais.

Diante desta situación as únicas medidas adoptadas son as de limitar o dereito de vacacións e de cambios de quenda, prexudicando tanto ao persoal eventual como ao fixo sen ofrecer alternativas que favorezan un emprego digno ao persoal do SERGAS, e incrementar a idade de xubilación para retrasar o problema.

Non atopamos por ningures as medidas que se deberían estar tomando, se realmente se quixera facer fronte a esta situación crítica para a sanidade pública, como potenciar as capacidades formativas de profesionais, desde o pregrao, nas facultades, ao postgrao, coa formación de residentes; tamén coa creación de prazas interinas que poderían ser convocadas en oposicións, que terían un efecto chamada de profesionais; ou mellorando as condicións dos postos de traballo na nosa área sanitaria, para conseguir atraer profesionais, no canto do que está a suceder na actualidade, que moitos queren marchar.

Vigo, 8 de febreiro de 2018 
CIG-Saúde comarca de Vigo

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario