INSTRUCIÓNS DE CAMBIO DE QUENDA E DE
VACACIÓNS 2018 DA EOXI DE VIGO
Diante das instrucións remitidas pola Xerencia
da EOXI de Vigo para regular as vacacións para o ano 2018 e os cambios de
quenda de traballo,
CIG-SAÚDE
manifesta:
Rexeitamos totalmente estas instrucións polas limitacións que establece, recortes nos períodos de vacacións, nas presenzas nos servizos, etc.,
especialmente en determinadas categorías e no ámbito de atención primaria, e limita de xeito inxustificado os cambios de
quenda, que non deixa de ser un mecanismo utilizado para poder conciliar a
vida laboral e familiar.
Consideramos que estas son froito
dunha situación insostible provocada
pola actual administración, pola súa política de precariedade laboral, que
incluso fai perigar o actual sistema público de saúde.
A falta de profesionais, xunto cunha nefasta política de contratacións, dificulta a día de hoxe unha prestación
sanitaria de calidade, xera lista de espera na atención primaria, por falta de
cobertura de profesionais e colapsos nos servizos de urxencias e nos hospitais,
incrementa a precariedade laboral, con menos profesionais hai que cubrir máis
postos, e precariza as condicións de traballo do persoal das listas de
contratacións.
Esta situación non fará máis que empeorar, especialmente nas categoría que se nutren dalgúns
especialistas nos que o número de profesionais en formación é claramente
inferior ás necesidades do sistema sanitario público, como pediatría e medicina de familia. De non tomar medidas urxentes as
categorías de pediatría, tanto do hospital como de primaria, as de medicina de
familia, en atención ordinaria e nos PACs, as de médicas/os de urxencias
hospitalarias e as de médicas/os asistenciais do 061 se verían gravemente
afectadas. Esta situación de falta de profesionais afecta tamén á enfermería, onde xa temos problemas
para cubrir as necesidades actuais.
Diante desta situación as únicas medidas adoptadas son as de limitar o dereito de vacacións e
de cambios de quenda, prexudicando tanto ao persoal eventual como ao fixo
sen ofrecer alternativas que favorezan un emprego digno ao persoal do SERGAS, e
incrementar a idade de xubilación para
retrasar o problema.
Non atopamos por ningures as medidas que se deberían estar tomando,
se realmente se quixera facer fronte a esta situación crítica para a sanidade
pública, como potenciar as capacidades
formativas de profesionais, desde o pregrao, nas facultades, ao postgrao,
coa formación de residentes; tamén coa creación
de prazas interinas que poderían ser convocadas en oposicións, que terían
un efecto chamada de profesionais; ou mellorando
as condicións dos postos de traballo na nosa área sanitaria, para conseguir
atraer profesionais, no canto do que está a suceder na actualidade, que moitos
queren marchar.
Vigo, 8 de febreiro de 2018
CIG-Saúde comarca de Vigo
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario