2 de xan. de 2018

MOVEMENTOS SOCIAIS

As centrais mobilizaranse na Subdelegación do Goberno en Pontevedra para reclamar o indulto a Carlos e Serafín 

A CIG, CCOO e UGT desenvolverán unha concentración de delegados/as o xoves día 11 de xaneiro ás 11:00 h.

Vista parcial dos participantes na concentración que se desenvolveu o xoves día 15 de decembro, diante do ARCO, de Vigo en solidariedade cos dous traballadores condenados a prisión por participar na folga provincial do transporte en 2008 e para reclamarlle ao Goberno español que lles conceda o indulto
Fotos: CIG

Infogauda / Pontevedra

A CIG, CCOO e UGT anunciaron ao remate da última mobilización que cada mes se celebra en Vigo para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez que o xoves 11 de xaneiro trasladarán as protestas até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra ás 11:00 horas. As centrais denuncian que levan tres meses agardando que lles respondan á petición de xuntanza coa responsábel do organismo para abordar a situación dos dous afectados tras case catro anos á espera do indulto que evite a súa entrada na cadea.

As centrais convocantes anunciaron que a vindeira mobilización trasladarase até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra (xoves día 11 de xaneiro, ás 11:00 horas), organismo do que agardan unha resposta á petición de xuntanza cursado hai tres meses

“Carlos, Serafín, indulto xa”, “Non son ladróns, son traballadores”, “Non pode ser, obreiros na cadea e corruptos no poder”, “A represión non é a solución” e “Indultan banqueiros, condenan obreiros” volveron ser as consignas máis repetidas durante a concentración que se desenvolveu o xoves día 15 de decembro, diante do ARCO, de Vigo en solidariedade cos dous traballadores condenados a prisión por participar na folga provincial do transporte en 2008 e para reclamarlle ao Goberno español que lles conceda o indulto.  

 Ao remate da protesta, que se desenvolveu de 20:00 a 20:30 horas e na que participaron varias ducias de persoas, as centrais convocantes anunciaron que a vindeira mobilización trasladarase até a Subdelegación do Goberno en Pontevedra (xoves día 11 de xaneiro, ás 11:00 horas), organismo do que agardan unha resposta á petición de xuntanza cursado hai tres meses. Ademais, adiantaron que barallan convocar unha nova manifestación polas rúas de Vigo para o mes de febreiro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario