31 de xan. de 2018

A GUARDA

Inicio do curso de operacións auxiliares de servizos administrativos 

Monitor e alumnas/os do curso de operacións auxiliares de servizos administrativos
Foto: Érguete Baixo Miño

 Érguete Baixo Miño / A Guarda

 A Asociación Érguete Baixo Miño informa que o pasado luns, 29 de xaneiro, deu comezo o curso de operacións auxiliares de servizos administrativos con moi boa acollida por parte dos usuarios e usuarias. 

 Ao longo de dous meses, acadarán uns coñecementos en informática así como en técnicas administrativas básicas que lles permitirán desempeñar tanto funcións dun posto de traballo, así como técnicas administrativas para o día a día. 

 O curso divídese en tres módulos, un sobre técnicas administrativas básicas de oficina, outro sobre operacións básicas de comunicación e un último módulo sobre reprodución e arquivo. Todos eles moi instrutivos e requiridos no mundo laboral. 

 Este curso atópase dentro do programa de incorporación social e laboral o cal a Asociación ven realizando desde hai anos e dándolle moita importancia as accións destinadas á busca dun emprego.  

 Trátase dun proxecto que está financiado pola Consellería de Política Social, Dirección Xeral de Inclusión Social e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), no marco do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”, cunha taxa de cofinanciamento do 80%. 

 Nesta ocasión, e en estreita coordinación coa oficina de estratexia de Inclusión Social de Galicia do equipo comarcal de Baiona, as persoas demandantes de emprego que se atopen nunha situación de exclusión social, terán a oportunidade de recibir esta formación de maneira gratuíta. 

 Os obxectivos destes cursos é que as persoas en situación de desemprego de larga duración e con escasa cualificación profesional, abarquen outros ámbitos formativos e así poidan aspirar a novos postos de traballo. Desde Érguete Baixo Miño facemos unha labor de prevención, información así como formación, tratando sempre de axudar as persoas e dar solucións a calquera problema.

Ningún comentario:

Publicar un comentario