A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ‘FICHA’ Á ASOCIACIÓN ECOLOXISTA AMIGOS DA TERRA PARA ASESORAR SOBRE COMPOSTAXE E CONTROLAR 1.600 COMPOSTEIROS INDIVIDUAIS EN VILABOA
O vicepresidente Mosquera anunciaque en 2018 haberá un novo curso da ‘Facultade da compostaxe’ para 25 novos mestres e mestras composteiras
As analíticas do compost producido na provincia, que demostran a súa grande calidade, son controladas pola Consellería e o Ministerio de Medio Ambiente
César Mosquera, vicepresidente da Deputación de Pontevedra
Foto: D. P.
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra vén de ‘fichar’ á asociación ecoloxista Amigos da Terra para o seu ‘Plan Revitaliza’ de compostaxe. O vicepresidente Mosquera anunciou hoxe que a institución provincial vai asinar un convenio co colectivo e co Concello de Vilaboa co fin de dar charlas informativas á veciñanza , solucionar dúbidas , dar soporte técnico, así como controlar o proceso de compostaxe do lixo orgánico e obter o mellor compost posible nas vivendas con composteiros individuais do municipio.
Mosquera lembrou que Vilaboa é un dos seis concellos da provincia que aplicará a compostaxe como modelo de xestión do lixo de forma extensiva para toda a súa poboación dende o 2018. Explicou que a idea é atender todos os domicilios que teñan xa ou vaian recibir un composteiro individual de horta nos vindeiros meses: un total de 1.600. A intención é garantir o soporte técnico total para a veciñanza, que se realizará tanto a través dos mestres e mestras composteiros da Deputación como a través de Amigos da Terra. “Entendemos que atender todos os composteiros leva tempo e hai asociacións preocupadas pola ecoloxía que traballan en compostaxe. Queremos traballar con elas e, no caso de Vilaboa, Amigos da Terra xa levaba un tempo neste camiño”, subliñou o nacionalista.
Mosquera destacou que a Deputación quere integrar no Plan Revitaliza a todas as asociacións e entidades con capacidade de facer aportacións ao proxecto, como xa fixo no seu día coa Universidade de Vigo ou o Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) para investigar e para dinamizar a compostaxe nos centros escolares. “A de Vilaboa é unha iniciativa moi ambiciosa que queremos estender a outros concellos que teñen en marcha a compostaxe -Pontevedra, O Grove, Mondariz, Mondariz Balneario e As Neves, nunha primeira quenda-, para que haxa garantías para calquera veciño ou veciña que vaia compostar”, subliñou.
O convenio con Amigos da Terra abranguerá todo o ano 2018 e o 2019 e terá unha contía máxima de 80.800 euros. Están previstas unhas 20 xornadas de información, así como unha media de seis visitas domiciliarias a cada un dos centros de compostaxe individuais (COIN) de Vilaboa, xa para a súa entrega ou instalación como para o control e seguimento. A día de hoxe en Vilaboa existen uns 300 COIN e a Deputación concedeu ao Concello unha subvención para adquirir outros 1.300.
“O asunto vai vento en popa. Vilaboa pasa a ser o primeiro concello que de maneira xeralizada se pasa á compostaxe na provincia”, explicou Mosquera, que asegurou tamén que a día de hoxe, só cos tres centros de compostaxe comunitaria que están instalados no municipio, o concello xa tivo unha baixa do 10% na factura de Sogama. “Cando pase toda a batería de composteiros que se van instalar, notarase o aforro de xeito elevadísimo”, subliñou.
Facultade da compostaxe
Ademais de anunciar a colaboración da Deputación con Amigos da Terra, Mosquera tamén afirmou que a institución provincial seguirá a formar persoal propio para atender o Plan Revitaliza nos concellos da provincia.
Neste momento son 35 persoas as que forman o persoal técnico provincial (funcionarios interinos e mestres e mestras composteiras en prácticas) que se formaron na coñecida como ‘Facultade da Compostaxe’ e pasaron unha oposición de selección. A intención é que o vindeiro ano se poña en marcha un novo curso de formación específica en compostaxe, novamente con expertos internacionais, estatais e galegos como profesores, para poder 25 novas prazas. “Pasarían a ser 60 mestres e mestras formadas para atender aos concellos ou as labores necesarias para impulsar o Plan Revitaliza”, destacou Mosquera, quen indicou que a intención é intentar axustar os medios á demanda existente que, segundo dixo, “non damos atendido”.
O vicepresidente mostrouse partidario de ir seleccionando as peticións dos concellos para aplicar a compostaxe a aquelas que teñan garantías de funcionamento. Subliñou que nestes momentos “é mais importante facelo ben que facer en exceso” e, neste sentido, destacou que a vindeira adquisición de centros de compostaxe comunitaria (400 módulos) e composteiros individuais (1.500) por parte da Deputación está limitada a eses números porque son os que se poden atender de xeito correcto.
Analíticas
Finalmente, Mosquera quixo destacar que todo o compost que sae dos centros de compostaxe comunitarios instalados na provincia é analizado por laboratorios independentes, realizando incluso contraanálises que, ata o de agora, deron resultados óptimos de todos os parámetros referenciados. Deste xeito, non se teñen atopados vestixios de bacterias ou patóxenos microbianos e, pola contra, a capacidade de xerminación do compost é moi elevada e a cantidade de nitróxeno presente (cuestión que incide na xerminación) é dun 7% cando o habitual noutras analíticas de compost apenas está no 2%.
Todas estas analíticas, dixo o vicepresidente, están a ser enviadas á Consellería de Medio Ambiente e ao Ministerio de Medio Ambiente, co que se están a cumprir todos os protocolos ambientais para o seu control.
Ningún comentario:
Publicar un comentario