“Sorrisos transformadores”
Defende o respecto á diversidade fronte á transfobia
Acudiron ao acto de inauguración o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; a deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación provincial, Lucía Muradas; a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente; o concelleiro guardés do BNG, Ángel Luis Baz Vicente; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda, Yolanda Vilaverde; e a psicóloga do CIM, Patricia Ruiz.
Fotos: C.A.G.
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
A exposición fotográfica “Sorrisos transformadores”, dedicada á visibilización e normalización do colectivo trans, pode visitarse no interior do IES da Sangriña.
Preto dun centenar de persoas, entre as que se atopaban parte do alumando e docentes do centro, participaron na charla-coloquio impartida pola traballadora social e presidenta da Asociación de Familias de Menores Trans de Galicia (ARELAS), Cristina Palacios, durante a presentación da mostra celebrada na tarde do luns día 2.
Acudiron ao acto de inauguración o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba Baz; a deputada provincial de Emprego, Montserrat Magallanes Álvarez; a xefa do Servizo de Igualdade da Deputación provincial, Lucía Muradas; a concelleira de Servizos Sociais, Teresa Vicente; o concelleiro guardés do BNG, Ángel Luis Baz Vicente; a directora do Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda, Yolanda Vilaverde; e a psicóloga do CIM, Patricia Ruiz.
Antes de dar paso ao faladoiro, o rexedor local subliñou a importancia deste tipo de actos dedicados aos valores de respecto e sensibilización, especialmente en espazos educativos. “Todo o que aprendemos na escola, acaba sendo parte do que somos”, afirmou Antonio Lomba, que se referiu á identidade e á liberdade como dereitos básicos cuxo coñecemento “fainos máis libres e máis respectuosos”.
Nesta mesma liña pronunciouse a deputada provincial, destacando a mensaxe presente nas dez fotografías que a compoñen: “respecta-defende-sensibiliza-iguala-vive e deixa vivir”, lema no que se recolle a esencia da mostra, centrada no respecto á diversidade e contra os comportamentos discriminatorios.
A mirada “transpositiva”
“Crianzas trans*formando a sociedade” foi o título da charla-coloquio ofrecido por Cristina Palacios, na que a traballadora social e docente incidiu na aclaración dos termos básicos que poden axudar á comprensión da identidade de xénero e o seu vínculo co colectivo trans. Así, sexo, xénero, orientación sexual, expresión de xénero e identidade foron as palabras chave do faladoiro, que se centrou na diversidade e a necesidade dunha sociedade máis igualitaria, xusta e respectuosa con aqueles que “rachan co que algúns din que é o normal”, por non axustarse ao binomio home-muller tan arraigado culturalmente.
“Transgredir coas normas que teñen que ver co xénero non é nada doado”, afirmou Palacios, que engadiu a transfobia, xunto co machismo e o sexismo, á listaxe de problemáticas coas que as crianzas trans teñen que convivir decotío. Rexeitamento familiar e/ou social e o acoso escolar son dúas das formas máis evidentes de represión da identidade de xénero das persoas trans, segundo sinalou a especialista, que animou ao corpo docente a incluír esta temática nas aulas e a combater activamente a invisibilización e o illamento que sofren alumnas e alumnos de calquera condición.
Con todo, concluíu a docente, “a revolución social” a favor da diversidade “é un feito que xa non pode parar”. O seu absoluto éxito pasará pola aplicación xeneralizada da “mirada transpositiva”, isto é, unha actitude social favorable á diversidade, “que a comprenda como como feito natural e non vergoñento”. Será así, afirmou Palacios, “como esta transformación social que xa está sendo, será ao fin unha realidade”.
Sobre a exposición
A mostra fotográfica permanecerá no instituto aberta ao público ata o venres, 6 de outubro.
A partir do próximo luns e ata o día 14 deste mes poderá visitarse no Centro Cultural en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 h) e tarde (17:00 a 20:00 h) de luns a venres, namentres o sábado permanecerá aberto en horario de mañá.
A partir do próximo luns e ata o día 14 deste mes poderá visitarse no Centro Cultural en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 h) e tarde (17:00 a 20:00 h) de luns a venres, namentres o sábado permanecerá aberto en horario de mañá.
“Sorrisos transformadores” é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra e ARELAS, con fotografías de Noemí Chantada e en colaboración co Centro de Información ás Mulleres (CIM) do Concello da Guarda. A mostra artística complétase cun documental co mesmo nome, e buscan dar visibilidade, sensibilizar e naturalizar ao colectivo trans, prevendo actitudes discriminatorias por cuestión de orientación sexual ou identidade de xénero.
Ningún comentario:
Publicar un comentario