FILOCAFÉ NO CGAC CON FERMÍN BLANCO
Domingo 7 de maio ás 18:30 h
A Cantina do CGAC
Virginia Villar / Santiago de Compostela
Os filocafés son conversas públicas cun enfoque filosófico nas que poden participar todas as persoas interesadas en intercambiar inquietudes ou puntos de vista desde calquera disciplina ou nivel de coñecemento.
Unha vez ao mes, unha obra de arte sae dos almacéns do museo para acompañarnos no debate e dialogar como un contertulio máis mentres degustamos un café. A peza elixida empregarase como punto de partida para a conversa. Pero non se vai falar de arte, ou non só de arte, senón de calquera tema que suxira a obra nun nivel conceptual, formal ou anecdótico. Poderase falar de ciencia, gastronomía, política, música, filosofía, cine, estética, actualidade..., asuntos mundanos ou elevados, de xeito que todas as persoas que o desexen poidan opinar e achegar as súas reflexións sobre os temas que vaian xurdindo de maneira espontánea.
A sesión deste domingo estará dirixida polo arquitecto Fermín Blanco.
Fermín Blanco (La Pola, Asturias, 1977)
É doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto por la ETSAVA. A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde o curso 2011 é profesor de “Construction Systems” na IE University. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e a partir de 2006 exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña.
Durante estes anos realizou exposicións, impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica por gran parte da xeografía nacional e internacional: colexios de arquitectos de Madrid, Barcelona, Asturias, Galicia ou Cádiz; museos e institucións culturais como Medialab-Prado, Patio Herreriano, MUSAC, Fundación Luís Seoane ou CGAC; universidades como a Universidad Politécnica de Madrid ou a Escola Técnica Superior de Arquitectura del Vallès da UPC en Barcelona; e congresos como o internacional de Enxeñaría en Bangalore, India.
En 2008 patenta o Sistema LUPO, un sistema modular con fins didácticos que se industrializa en diferentes versións e serve como banco de experimentación do estudio. A súa tese de doutoramento Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal recibiu o primeiro premio na VII Bienal Arquia/tesis 2010/11 e marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a arte á sociedade.

Ningún comentario:
Publicar un comentario