16 de maio de 2017

A GUARDA

A Concellería de Cultura convoca novamente ás asociacións a participar na decoración da vila   

Remate de torques de ouro, que se amosa no Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega (A Guarda)
Foto: C.A.G.


Infogauda / A Guarda

 Tralo éxito da iniciativa Decora o teu Nadal a Concellería de Cultura do Concello de A Guarda quere revalidar a experiencia de implicar ás asociacións no embelecemento da vila, polo que propón unha nova convocatoria de cara ó verán. Nesta ocasión, e baixo o nome Decora o teu verán 2017, a concellería propón decorar prazas e lugares emblemáticos da vila baixo un tema común, que sería a cultura castrexa. Deste xeito a iniciativa entroncaría con outras dúas efemérides: a Festa Castrexa que as comunidades de montes de A Guarda, Camposancos e Salcidos organizan no Monte Santa Trega o 24 e 25 de xuño, e o centenario do Museo Arqueolóxico do Monte Santa Trega.  

 Destinatarios 
 A convocatoria vai dirixida a tódalas asociacións de A Guarda que estean interesadas. Aquelas que desexen participar deberán comunicarllo ó Departamento de Cultura durante esta semana, xa que o día 23 realizarase unha reunión na que se concretarían os enclaves a decorar.  

 As bases que rixen a convocatoria son as seguintes: 

“DECORA O TEU VERÁN” 2017
Decora o teu verán 2017” é unha iniciativa do Concello da Guarda en colaboración coas diferentes asociacións para pór en valor o noso pasado castrexo e o Monte Santa Trega, á vez que seguir traballando pola iniciativa Viveguarda que ten como obxectivo principal a colaboración dos veciños e do asociacionismo co Concello para embelecer a nosa vila.

 O tema obxecto da presente actividade é a decoración por parte das diferentes asociacións da Guarda de diferentes enclaves da vila en relación ó Castro de Santa Trega e á cultura castrexa.

OBXECTIVOS

A actividade proposta busca acadar os seguintes obxectivos:
-  Embelecer a nosa vila
- Vincular ó centro urbano co Castro de Santa Trega no ano que se cumpren cen anos do centenario do seu museo, así como a celebración da II Festa Castrexa.
- Implicar á cidadanía no embelecemento da vila a través do seu amplo tecido asociativo
- Fomentar o traballo en equipo así como a importancia da labor comunitaria
- En definitiva, acrecentar o orgullo da nosa vila e do noso pasado.

DESTINATARIOS

 Poden participar nesta actividade tódalas asociacións da Guarda que estean interesadas: sociais, culturais, deportivas, veciñais, de festas,...

CONDICIÓNS DE PARTICIPACIÓN:

DECORACIÓN.- Cada asociación presentará unha proposta para decorar un enclave urbano, con referencia a motivos castrexos ou vinculados dalgún modo co Monte Santa Trega ou o Castro.

 Os materiais empregados serán principalmente materiais de refugallo, non contaminantes e resistentes á intemperie. O enclave a decorar será identificado co nome da Asociación que traballou nel.

 O concello da Guarda axudará coa adquisición de material, se fose necesario, sempre e cando non supere un límite e respecte a filosofía da iniciativa non substituíndo a material de refugallo.

 Do mesmo xeito, de ser necesario, o concello poderá axudar na colocación das decoracións, mais esta colaboración deberá solicitarse con antelación (antes do 16 de xuño) para unha correcta organización.

CONFIRMACIÓN DA PARTICIPACIÓN
 As asociacións interesadas deberán confirmar a súa participación antes do 18 de maio contactando co Departamento de Cultura do Concello da Guarda. Teléfono 986 610 000 ext. 5 ou no correo electrónico: cultura@aguarda.es

 O 23 de maio celebrarase unha reunión coas asociacións participantes na que se decidirán os enclaves a decorar.

PRAZOS DE PARTICIPACIÓN
 As asociacións participantes poderán decorar os enclaves asignados dende o 19 ata o 22 de xuño, para coincidir coa celebración da Festa castrexa, non podendo iniciarse antes pola celebración das Alfombras Florais.

 A decoración realizada poderá permanecer durante todo o verán.

DIVULGACIÓN DOS RESULTADOS

 Unha vez rematadas as diferentes propostas decorativas publicitaranse na páxina web e mediante nota de prensa remitida a outros medios de comunicación.

DEREITOS DE AUTOR

 As asociacións participantes autorizan á utilización dos traballos, sen compensación, nas diferentes publicación ou actividades promovidas polo Concello da Guarda, quen deberá citar sempre o autor (salvo que se indique expresamente que non quere ser identificado)

NOTA FINAL

 O Concello agradece de antemán a implicación e colaboración das asociacións nestas iniciativas e ofrecerá un pequeno agasallo trala participación nesta campaña.

 Para calquera aclaración, os interesados poden dirixirse ó Concello da Guarda:

Praza do Reló, 1
Horario: 09:00 -15:00
Tlfno. 986 61 00 00
E-mail: cultura @aguarda.es

2 comentarios:

  1. ¡¡¡¡Que a decoren eles que pa iso cobran!!!!! ¿Ou van a dar parte do seu soldo os que a decoren?.

    ResponderEliminar
  2. ¡¡Decoradea vos carallo que pra iso cobrais!!

    ResponderEliminar