20 de mar. de 2017

CULTURA

Cultura, Afundación e o Centro PEN Galicia convocan o 15º Premio de Poesía Afundación 

A certame está dotado con 6.000 euros e a publicación da obra gañadora  Os orixinais poderán presentarse ata o 29 de setembro de 2017  

As tres entidades veñen colaborando na realización deste certame co fin de promover a creación literaria en lingua galega 

Infogauda / Santiago de Compostela

 Ás portas da conmemoración do Día Internacional da Poesía, que se celebra o 21 de marzo, Afundación, a Consellería de Cultura e Educación e o Centro PEN Galicia convocan o Premio de Poesía Afundación 2017, co obxectivo de impulsar a creación literaria en galego.
 As persoas interesadas en participar na décimo quinta edición do certame poderán presentar obras inéditas, que non concorreran a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos, ata o 29 de setembro do presente ano.
 O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e como presidente exercerá o titular do Centro PEN Galicia, Luís G. Tosar. A súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no último trimestre de 2017. O texto gañador recibirá un único premio de 6.000 euros e será publicado, ademais, na colección Arte de Trobar, editada polo Centro PEN Galicia e a fundación galega.
 Apoio á creación literaria en galego
 O galardón, que nace no ano 2002 a instancias do Pen Club de Galicia e de Afundación co obxectivo de reforzar a imprescindible produción poética en galego e de continuar o enriquecemento da creación cultura galega actual, conta desde hai anos coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, departamento que tamén promove e apoia a realización doutros certames de referencia do panorama literario galego, entre os que se inclúen o Premio de Relato Breve Nélida Piñón, o Premio de Poesía Concello de Carral ou o Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón.
 Galardoados co Premio de Poesía Afundación
 No elenco de gañadores do Premio de Poesía Afundación figuran destacados autores e autoras da literatura galega actual, como como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello e Olalla Cociña, galardoada na pasada convocatoria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario